Liga das Nacións
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Durante a Primeira Guerra Mundial, líderes coma Woodrow Wilson comezaron a defende-la idea da necesidade dunha organización suprestatal a prol de resolve-los conflitos entre as nacións.
Durante as negociacións de paz de outubro de 1918, Woodrow Wilson propuxo os seus catorce puntos entre os que figuraba a creación dunha Liga das nacións.
A liga fundouse na conferencia de Paz de París en 1919. Estableceuse a sede xeral en Xenebra (Suíza). Entre os seus propósitos figuraban promove-las solucións diplomáticas ós conflitos. Acordouse embargar comercialmente os países que declararan guerras.
Pero a liga xamais contou con forzas internacionais. Os mesmos EUA negáronse a participar por renunciar a asina-lo Tratado de Versalles.
Así a todo, cóntanse certos éxitos diplomáticos da liga: evitou a guerra entre o Iraq e Turquía, Grecia e Bulgaria e Polonia e Lituania. ´Todos eles conflitos fronteirizos.
No entanto, nunca foi capaz de parar as arelas militaristas de Italia, Xapón e Alemaña. Durante a Segunda Guerra Mundial, estivo inactiva e logo foi substituída polas Nacións Unidas.