James Clark Ross
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
James Clark Ross (1800 – 1862) foi un oficial naval e explorador británico. Explorou o Ártico xunto ao seu tío John Ross e William Parry, e máis tarde dirixiu as súas propias expedicións á Antártida.
Naceu en Londres e en 1812 entrou na mariña real británica, coa que participou nas guerras napoleónicas. Integrou a expedición do seu tío, John Ross, na procura do Paso do Noroeste en 1818. Entre 1819 e 1827 participou en catro expedicións árticas con William Parry, e entre 1829 e 1833 serviu de novo co seu tío na expedición na que se localizou a posición do Polo Norte Magnético o 1 de xuño de 1831.
Capitán dende 1834, entre 1835 e 1838 participou nas investigacións magnéticas en Gran Bretaña. Entre 1839 e 1843 dirixiu a expedición antártica do HMS Erebus e do HMS Terror que cartografaron boa parte da liña de costa do continente. En 1841 descubriu o Mar de Ross, Terra Vitoria e os volcáns Monte Erebus e Monte Terror.
En 1847 publicou as experiencias da súa expedición co título de A Voyage of Discovery and Research to Southern and Antarctic Regions.