Isaac I Comneno
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Isaac I Comneno (c. 1005 - 1061) foi emperador bizantino de 1057 a 1059. Foi o primeiro emperador da dinastía Comneno.
Isaac era fillo de Manuel Comneno, un oficial do emperador Basilio II que no seu leito de morte encomendara aos seus dous fillos, Isaac e Xoán, ao emperador. Este encargárase de que os dous recibisen unha esmerada educación no mosteiro de Studion; máis adiante, deulles importantes cargos no exército. En 1057 era o comandante en xefe do exército bizantino, e encabezou unha rebelión contra o emperador Miguel VI. O 8 de xuño dese ano foi proclamado emperador polas súas tropas e elevado sobre un escudo, segundo a antiga tradición militar. O 20 de agosto dese mesmo ano derrotou ás tropas de Miguel II, e o 1 de setembro entrou triunfante en Constantinopla.
Propúxose reformar o exército para recuperar para o Imperio a grandeza da época de Basilio II. Para recadar fondos, comezou a confiscar propiedades á aristocracia latifundista, que se enriqueceu enormemente nos anos de crises que seguiron á morte de Basilio II, en 1025. Intentou tamén confiscar propiedades da Igrexa, o que produciu o seu enfrontamento co patriarca de Constantinopla Miguel Cerulario, que fora antes partidario seu e traballara activamente para a súa entronización. Como o patriarca ameazase a Isaac con destituílo, o emperador fíxoo deter e enviouno ao exilio o 8 de novembro de 1058. Como Cerulario se negase a renunciar ao seu cargo, Isaac fixo que se convocase formalmente un sínodo para destituílo. O patriarca morreu antes de que o sínodo puidese ditar sentenza, pero o pobo de Constantinopla considerouno un mártir. Pouco máis dun ano logo de comezar o seu reinado, Isaac atopábase coa oposición frontal da aristocracia, da Igrexa e do pobo de Constantinopla; só o exército continuaba séndolle leal.
Realizou unha única expedición militar durante o seu breve reinado, en 1059, contra os maxiares e pechenegos, que ameazaban as fronteiras setentrionais do Imperio. A finais de 1059, cando se atopaba cazando, enfermou repentinamente, e nomeou como sucesor, apremado por Miguel Psellos, a Constantino Ducas. Morreu en 1061, tras tomar o hábito de monxe en Studion, onde se dedicou aos estudos literarios.
[editar] Referencias
- Norwich, John Julius: Breve historia de Bizancio. Cátedra, 2000. ISBN 84-376-1819-3
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Miguel VI Estratiótico |
Isaac I Comneno (1057-1059) |
Precede a: Constantino X Ducas |
Dinastía Ducas-Comneno |