Isaac Barrow
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Isaac Barrow (Londres, 1630 - 1677) foi un teólogo e matemático inglés.
Estudou no Trinity College de Cambridge, destacou en matemáticas e no estudo dos clásicos, graduouse en 1648 e conseguiu un posto de investigación en 1649. En 1655 optou a un posto de grego en Cambridge, pero as súas posturas políticas (realista) e relixiosas (anglicano), impedíronlle acceder ao posto. Pasou os seguintes catro anos viaxando por Francia, Italia e mesmo chegou a Constantinopla. Regresou a Inglaterra en 1659 e ao ano seguinte ordenouse ministro e accedeu ao posto de profesor de grego de Cambridge. En 1662 nomeárono profesor de xeometría no Gresham College e en 1663 accedeu á cátedra lucasiana de matemáticas, á que renunciou en 1669 en favor do seu discípulo Isaac Newton, nomeado capelán de Carlos II e vicerreitor do Trinity College deixou o estudo das matemáticas.
A súa primeira obra foi unha edición completa dos Elementos de Euclides, que apareceu en 1655 en latín e en 1660 en inglés. Editou as súas clases maxistrais de 1664, 1665 e 1666 no volume Lectiones Mathematicae. En 1669 sae do prelo Lectiones Opticae et Geometricae, revisada por Isaac Newton. Barrow foi un dos que prepararon a aplicación do cálculo diferencial á xeometría e foi o primeiro en recoñecer que a integración e a diferenciación son operacións inversas.