Historia de Turquía
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Este artigo trata da historia de Turquía desde 1923, para outros momentos anteriores véxase Imperio Otomán
A República de Turquía foi o sucesor do Imperio Otomán tras o seu desmoronamento, a moderna Turquía fundouna Mustafa Kemal Atatürk en 1923. A derrota na Primeira Guerra Mundial supuxo a perda, en virtude do Tratado de Sèvres (1920), de Siria, Palestina, Mesopotamia e Arabia, co cal Turquía quedou circunscrita ás súas fronteiras actuais. A concesión de Esmirna a Grecia por 5 anos fixo que os nacionalistas turcos, encabezados por Atatürk, encabezasen unha guerra na que lograron expulsar aos gregos e como resultado de acordo ao Tratado de Lausana.
Atatürk converteuse así no construtor de Turquía e liderou un proceso de transformacións encamiñadas a facer deste país un Estado moderno, permanecendo á fronte da Presidencia da República ata a súa morte, en 1938.
[editar] Revolución kemalista
A historia moderna de Turquía iníciase co establecemento da república o 29 de outubro de 1923, con Mustafa Kemal (Atatürk) como o seu primeiro presidente. O 3 de marzo de 1924, a Asemblea Nacional aboliu o ministerio da Sagrada Lei, todas as escolas foron pasaron a estar baixo supervisión do Ministerio de Educación e unha nova constitución foi aprobada o 20 de abril de 1924. Durante os próximos 10 anos, houbo un proceso continuo de occidentalización secular, dirixido por Mustafa Kemal e Turquía transformouse nun Estado secular en 1928 mediante un gran conxunto de cambios substanciais: mudanza do alfabeto árabe polo latino (24 de maio de 1928), favorecemento do léxico turcófono fronte a aquel de orixe persa e árabe, nun intento de buscar unha lingua nacional máis pura nas súas orixes. Introduciuse un novo código civil, inspirado no suízo. Instaurouse o código do vestido, prohibindo o fez, un chapeu musulmán tradicional, e o veo nas mulleres. Exhortouse que a poboación turca adoptase apelidos en substitución do nome único de tradición árabe. Mustafa Kemal en persoa adoptou o nome Atatürk (Pai dos turcos). Os imáns pasaron a ser designados oficial polo goberno. Ademais recoñeceuse o dereito da muller a elixir e ser elixida e proclamouse o domingo como día de descanso, aboliuse a poligamia, substituiuse o calendario árabe polo calendario gregoriano e estableceuse Ancara como capital do país.
[editar] Partido único
Logo da fundación do Partido Republicano Liberal por Fethi Okyar este encabezou unha rebelión apoiada por fundamentalistas relixiosos e as desordes estendéronse a continuación, sobre todo no territorio oriental. O partido liberal foi disolto o 17 de novembro de 1930 e de facto estableceuse un réxime de partido únicon, o Partido Republicano Popular (Cumhuriyet Halk Partisi), fundado por Atatürk.
O sucesor de Atatürk logo da súa morte o 10 de novembro de 1938 foi Ismet Inönü. Cando todos os seus veciños occidentais estaban baixo a ocupación alemá ou italiana durante a Segunda Guerra Mundial, Turquía asinou un tratado de paz con Alemaña e oficialmente permaneceu neutral. En 1945 Turquía incorporouse ás Nacións Unidas, e en febreiro de 1945 declarou a guerra contra Alemaña e Xapón. Isto foi en parte simbólico, xa que o exército turco non entrou en batalla. Turquía foi admitida na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en 1952.
[editar] Entre a democracia e o autoritarismo
Debido á crecente presión e influencia de intelectuais liberais e grupos relixiosos instaurouse un réxime multipartidista, nas eleccións de 1950 resultou vencedor o Partido Demócrata (Demokrat Parti) de Adnan Menderes. O goberno foi moi popular ao principio, suavizando as restricións fronte ao Islam e presidindo unha economía en auxe. Durante a segunda metade da década, con todo, a economía entrou en crise e o goberno introduciu leis de censura. A alta inflación e unha débeda masiva danou a reputación do executivo demócrata. Ante esta situación o exército deu un golpe de estado o 27 de maio de 1960 o xeneral Cemal Gürsel destituiu ao presidente Celal Bayar e ao primeiro ministro Adnan Menderes, quen foi executado. O exército devolveu o país a mans control civil no outubro de 1961.
O sistema político que xurdiu como consecuencia do golpe de 1960 estaba fracturado, producindo unha serie de coalicións de goberno inestables no parlamento, que alternaban entre o Partido do Camiño Verdadeiro (Doğru Yol Partisi) de Süleyman Demirel por unha banda e o Partido Republicano Popular de Ismet Inönü e Bulent Ecevit polo outro. Un novo golpe de estado foi organizado en 1971, aboliuse un parlamento xa de seu fracturado durante o executivo de Demirel. Durante a coalición do primeiro ministro Ecevit co Partido de Salvación Nacional (Milli Selamet Partisi-MSP) de tendencia relixiosa, Turquía efectuou unha operación militar en Chipre en 1974 co fin de intervir na crise producida por un golpe de estado que tiña como intención unificar a illa con Grecia e que estaba causando graves problemas á minoría turca da illa, creando un conflito que ata o día de hoxe aínda non foi resolvido. A escena política fragmentada e unha pobre economía conduciu á violencia entre grupos nacionalistas paramilitares, os Bozkurtlar (Lobos Grises) fomentados polo Partido do Movemento Nacional (Milliyetçi Hareket Partisi-MHP) e os comunistas nas rúas das cidades. Un parlamento paralizado e un gran número de vítimas destes tráxicos sucesos desembocaron noutro golpe de estado en 1980. Tras un período de dous anos, os militares devolveron o goberno a mans civís, prohibido o regreso á política de Demirel, Ecevit, ademais de varios políticos turcos.
Tras retirarse da política o presidente Kenan Evren (líder do golpe de 1980 que accedeu ao cargo tal e como fixo no seu día Atatürk, abandonando a súa condición de xeneral do exército turco), Özal foi elixido presidente, deixando o parlamento en mans de Yildirim Akbulut, e logo, en 1991, a cargo de Mesut Yilmaz. Yilmaz redobrou o perfil económico de Turquía e renovou a súa orientación cara a Europa. Da ruína do sistema político anterior xurdiu unha forma de goberno monopartidista dominada polo Partido da Patria Nai (Anavatan Partisi) de Turgut Özal, que combinou un programa económico global xunto con valores sociais conservadores. Con Özal, a economía rexurdiu, e na década dos 90, cidades como Gaziantep (unha pequena capital de provincia) pasaron a ser verdadeiros centros neurálxicos da economía turca.
Pero a inestabilidade política, e o Partido da Nai Patria fíxose cada vez máis corrupto. Turgut Özal morreu dun ataque cardíaco en 1993 e Demirel Suleyman foi elixido presidente. As eleccións 1995 conduciron a unha coalición de goberno efémera entre o Partido da Nai Patria de Yilmaz e o Partido do Camiño Verdadeiro, agora con Tansu Ciller como líder. Ciller entón deu un xiro e aliouse co Partido do Benestar (Refah-Yol Partisi RP), encabezado por Necmettin Erbakan, antigo líder do Partido de Salvación Nacional, permitindo a Erbakan entrar no executivo principal. En 1998, nun pseudo-golpe de estado, os militares como garantes do laicismo instaurado na República turca por Atatürk, xulgaron perigosas para a natureza secular de Turquía a política de apoio do goberno de Erbakan a certos asuntos relixiosos, enviandolle un ultimátum solicitando que dimitise, o que fixo. A partir dese momento, o Partido do Benestar de Erbakan quedou prohibido. Un novo goberno formouse coa coalición do Partido da Nai Patria e o Partido da Esquerda Democrática (Demokratik Sol Partisi, DSP) de Ecevit apoiado á súa vez polo Partido Republicano do Pobo (Cumhuriyet Halk Partisi CHP), liderado por Deniz Baykal. Durante este goberno, Abdullah Öcalan, líder do PKK, foi capturado en Quenia, procesado por traizón á patria e condenado á morte, pero a súa pena foi revogada e desde entón o caso segue no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos.
O DSP gañou amplamente nas eleccións 1999. O segundo lugar foi para o nacionalista Partido do Movemento Nacional. Estes dous partidos, xunto ao Partido da Nai Patria de Yilmaz formaron goberno, procedendo á reforma económica, instituíndo a lexislación de dereitos humanos, e levando a Turquía máis preto da Unión Europea. Unha serie de crises económicas conduciu a novas eleccións en 2002, gañando o Partido do Desenvolvemento e a Xustiza, islamista moderado e conservador, do actual presidente turco e antigo alcalde de Estambul Recep Tayyip Erdoğan que logrou iniciar o proceso de adhesión á Unión Europea o pasado 3 de outubro de 2005.