Herculano
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Herculano (ercolano en italiano) era unha antiga cidade romana da rexión de Campania. Hoxe é coñecida porque se conservou, xunto con Pompeia, tras seren enterradas nas cinzas da erupción do Vesubio o 24 de agosto do ano 79. Moitos dos seus habitantes pereceron debido ao fluxo pirocástico da erupción, e a cinza modelou os seus corpos coa postura que estes tiñan no momento de morrer.
Herculano era unha poboación máis pequena e máis rica que Pompeia.
As escavacións comezaron na actual Ercolano, un suburbio de Nápoles, en 1738. A elaborada publicación de Le Antichitá di Ercolano ("A antigüidade de Herculano") baixo o patrocinio do rei das Dúas Sicilias tivo un efecto descomedido no incipiente neoclasicismo europeo tendo en conta o limitado da circulación desta obra. A finais do século XVIII comezaron a aparecer motivos de Herculano nunha gran diversidade de obxectos, desde pinturas murais e mesas de tres patas até queimadores de perfume e tazas de té.
O primeiro descubrimento importante de esqueletos romanos do século I tivo lugar en Herculano. Dado que os romanos xeralmente practicaban a cremación até o século III, resulta difícil atopar ósos anteriores a esa data. As escavacións realizadas na década de 1990 na área do porto de Herculano sacaron á luz máis de 200 esqueletos de diversas idades, sexos e condición social.
A máis famosa das luxosas vilas herculanas é a vila de Papyri, identificada como o fastuoso retiro con vistas ao mar de Lucio Calpurnio Piso Caesomnio, sogro de Xulio César.