Graciano
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Flavio Graciano Augusto (¿Abril, Maio? de 359 - 25 de agosto de 383), coñecido como Graciano ou Graciano o Xove para diferencialo do seu avó Graciano o Vello, foi emperador de Occidente entre 375 e 383. Era fillo do emperador Valentiniano I e a primeira esposa deste, Marina Severa, e naceu na cidade de Sirmium (hoxe Sremska Mitrovica, Serbia), na daquela provincia romana de Panonia.
O 4 de agosto de 367 foi proclamado Augusto polo seu pai. Á morte de Valentiniano (17 de novembro de 375), as tropas destacadas en Panonia proclamaron emperador ao seu pequeno fillo Valentiniano, que entón era só un bebé. Valentiniano era medio irmán de Graciano, nacido de Xustina, viúva de Maxencio e segunda esposa de Valentiniano I.
Graciano aproveitou a oportunidade que se lle brindaba; reservouse para si a administración das provincias galas, mentres que puxo Italia, Iliria e África baixo o mando de Valentiniano e a súa nai, os cales estableceron a súa residencia en Milán. A división, no entanto, era simplemente nominal e a autoridade real quedou por completo en mans de Graciano.
O Imperio Romano de Oriente estaba baixo o dominio do seu tío Valente. En Maio de 378, Graciano derrotou completamente aos lentienses, a tribo máis austral dos alamáns, na Batalla de Argentovaria, preto da actual Colmar. Ese mesmo ano, Valente atopou a morte o 9 de agosto na Batalla de Adrianópolis.
O goberno do Imperio de Oriente quedou en poder de Graciano, pero ao sentirse incapaz de resistir as incursións dos bárbaros propuxo ao xeneral hispano Flavio Teodosio o goberno da parte oriental, o cal foi coroado emperador de Oriente o 19 de xaneiro de 379. Graciano e Teodosio limparon entón os Balcáns de invasores bárbaros.
Durante algúns anos gobernou o imperio con éxito e enerxía, pero caeu gradualmente na indolencia, ocupándose principalmente do pracer da persecución político-relixiosa e converténdose nunha ferramenta en mans do xeneral franco Merobaudes e o bispo de Milán, Ambrosio.
Ao tomar ao seu servizo un corpo de alanos e aparecer en público coa vestimenta propia dun guerreiro escita, Graciano espertou o desprezo e os resentimentos das tropas romanas. Un xeneral chamado Magno Máximo aproveitou o aumento das revoltas en Britania e invadiu a Galia cun enorme exército. Graciano, que o esperaba en Parides, foi traizoado polas súas tropas e levado a Lión. Alí foi entregado polo gobernador da cidade a un dos xenerais rebeldes e asasinado o 25 de agosto de 383.
O reinado de Graciano é unha época importante na historia eclesiástica, pois durante este período o Cristianismo converteuse por primeira vez na relixión dominante en todo o imperio. Baixo a influencia de Ambrosio, Graciano prohibiu as cerimonias pagás en Roma; negouse a levar o título de Pontifex Maximus por consideralo incompatíbel co seu Cristianismo; retirou o Altar da Vitoria da Casa Senatorial en Roma, malia as protestas dos membros pagáns do Senado, e confiscou as súas rendas; prohibiu as doazóns de propiedades materiais ás Vestalis; e aboliu outros privilexios que posuían os sacerdotes e sacerdotisas pagáns.
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Valente |
Graciano (378-379) |
Precede a: Teodosio I |
Dinastía Valentiniana-Teodosiana |
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Valentiniano I |
Graciano (375-383) |
Precede a: Valentiniano II |
Dinastía Valentiniana-Teodosiana |