Gallia Lugdunensis
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Gallia Lugdunensis (Galia Lionesa) era unha das tres provincias (Aquitania, Bélxica e Lionesa) en que se dividía a Galia romana creadas por Octavio Augusto en 27 adC. Integraba unha banda territorial que ía desde Lugdunum (Lyon), a capital da provincia, até a Armórica, as actuais Bretaña e Normandía, incluíndo todo o val do Loira.
A súa creación responde a razóns étnicas e políticas. A Galia Lionesa agrupaba unha serie de tribos galas culturalmente próximas e diferentes das da Aquitania e Bélxica romanas. Estas tribos da ocupaban unha importante rexión central na Galia, o que levou aos romanos a dividila para evitar levantamentos, incluíndo a súa parte setentrional na Bélxica e a meridional na Aquitania.
A Galia Lionesa era unha provincia imperial e, por tanto, encontrábase baixo a autoridade do emperador romano a través dun gobernador chamados legatus (legado). A sua capital, Lugdunum (Lyon), era tamén a da Galia toda e nela residía o prefecto da mesma. O papel privilexiado de Lugdunum, situada estratexicamente no val do Ródano, reforzouse coa presenza dunha fábrica de moedas imperial e coa do santuario federal das tres Galias, dedicado ao culto de Roma e Augusto.
Alén de Lugdunum, as principais cidades romanas da Galia Lionesa eran Augustodunum (Autun), Lutetia (París), Condate (Rennes), Rotomagus (Rouen), Iuliomagus (Angers), Caesarodunum (Tours) e Augustodurum (Bayeux).
Durante a tetrarquía, no século IV, a Galia Lionesa dividiuse en catro provincias:
- Lionesa Primeira (Vales do Saona e do Alier)
- Lionesa Segunda (actual Normandía)
- Lionesa Terceira (actuais Bretaña e Anjou)
- Lionesa Cuarta (actual Illa-de-Francia)
Desde o século III, os bretóns, procedentes da Grande Bretaña (a Britannia romana), foron ocupando progresivamente o norte e o oeste da Península armoricana. Estes acabaron por se rebelar contra o poder romano cara a 450. Co tempo, os sucesivos reis francos até Carlomagno tiveron de se enfrontar ás ansias de independencia dos bretóns, quen acabaron por crear o Ducado de Bretaña no século IX.
A Lionesa Primeira foi ocupada polos burgundios contra 460, aínda que na Segunda e na Cuarta a presenza romana prolongouse durante case todo o século V, até 486, ano da derrota de Siagrio fronte aos francos, que integraron estas provincias na Neustria.