Galicia de Mugardos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nome completo | Sociedade Deportiva e Cultural Galicia | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Alcume(s) | Galicia de Mugardos | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Fundación | 1953 | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Nome do estadio | Campo da Pedreira | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Inauguración | 1972 | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Capacidade | 3.000 | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Presidente | Xosé Antón Bouza Rei | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Adestrador | Javier Sánchez | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Liga | Primeira Rexional | ||||||||||||||||||||||||||||||||
Temp. 2005-06 | 3º | ||||||||||||||||||||||||||||||||
[ Páxina web oficial] | |||||||||||||||||||||||||||||||||
|
O Galicia de Mugardos (Sociedade Deportiva e Cultural Galicia), é un club de fútbol galego fundado no 1953 na parroquia de Meá, no Concello de Mugardos. Xoga no Grupo I da Primeira Rexional Galega.
Índice |
[editar] Ficha do club
- Sede Social: A Pedreira - Meá, s/n. 15620 Mugardos
- Teléfono: (+34) 981470858
- Nº de socios: 525
[editar] Historia do Galicia de Mugardos
[editar] Aparición do fútbol na vila de Mugardos
Os primeiros mugardeses en coñece-lo fútbol foron os que estaban ocupados nas industrias de construcción naval de Bazán ou relacionados coa vida militar da cidade departamental. Esto ocorría alá polos primeiros anos do século XX, cando os mariñeiros e técnicos ingleses o deron a coñecer.
Non é ata os anos 20 cando se empezan a organizar no pobo equipos informais que acudían a xogar a Ares con devolución de visita.
A mediados desta década fórmanse os primeiros equipos, tanto no casco urbano de Mugardos como na Pedreira e Os Casás. A rivalidade chegou a ser tan grande que os perdedores eran ridiculizados mediante coplas cantadas en festas e reunións.
A primeira aparición dun equipo con nome e colores propios produciuse na parroquia de Meá en 1924. Chamóuselle Sporting Pedreira e vestían de azul e branco. A súa fundación foi promovida pola agrupación xuvenil cultural “A Mocedade”, e favorecida pola aportación económica de fillos de emigrantes procedentes de Cuba. Foi este equipo o que comprou o primeiro balón de coiro.
[editar] Os primeiros equipos
Simultaneamente formáronse outros dous equipos, o Príncipe dos Casás e o Victoria de Mugardos. Os primeiros vestían de verde e os segundos de vermello. O Príncipe, non podendo competir con Victoria e Sporting desaparece ó pouco tempo. A competividade entre estes dous conxuntos fíxose tan grande que incluso se reforzaban con mariñeiros traídos polos traballadores de Bazán.
En 1929 estes equipos desaparecen e se forma o Comercial, promovido pola hostalería mugardesa.
No mesmo ano chega ó pobo Don Pascual a poñer en marcha unha sociedade funeraria coñecida por Ocaso; para facer propaganda fundou un equipo ó que bautizou co nome do seu negocio, pero ós catro anos desaparece.
No ano 1933 nacen simultaneamente na Pedreira e Mugardos dous equipos: o Estudiantil con Aurelio Maceiras de presidente, e o Fortuna de José Alguacil. Por varias razóns houbo necesidade de fusionar ambos, e de tal fusión naceu un novo equipo chamado Galicia S.D. con feudo no Campo do Novás, saíndo elixido Don Aurelio Maceiras de presidente e Don José Alguacil vicepresidente. Elixíronse as cores que actualmente perduran, o verde e o branco, e se compuxo un himno que era cantado cada vez que saltaban ó campo. Unha das formacións típicas deste equipo era: Manolo Gallego na portería; Manolo Piñón, Lano e Olmedo na defensa; Quinocho e Joseíño de medios; e Manoliño, Paco Toimil, Alejandro Toimil, Mella e O Cuchillo na dianteira.
Chegamos a 1936 e coa Guerra Civil hai unha pausa que dura ata que a contenda finaliza. Durante esta pausa hai un equipo, o Vértice, formado por xente nova que facía as súas reunións na “caseta do parasito”, anfitrión que sería fusilado polo réxime.
Uns anos despois da Guerra, ó redor de 1940 volvéronse forma-lo antigo Victoria que tiña como presidente a Canchela, e o Galicia da Pedreira con Aurelio de mandatario. A rivalidade aflorou con máis forza e as pelexas e discusións facíanse moi serias polo que chegou un momento en que houbo que desface-los equipos co fin de amigar ós veciños mediante unha unión coñecida co nome de “Unión Pataqueira”, apelativo adoptado pola desconformidade de ambas afeccións. O verdadeiro nome era o de “Unión Mugardesa”, novo club que duraría de 1942 a 1945.
A partir de aquí ata 1952 produciuse un baleiro de equipos e moitos xogadores marchaban a xogar a Ares ou Ferrol. Os que quedaban formaron unha selección coa que se desprazaban a Cervás, Ares, Barallobre, etc.
[editar] Organización e estructuras
Os primeiros equipos formados en Mugardos non eran federados polo que tampouco militaban en ligas oficiais. Aproveitando a afección crecente e vendo a posibilidade de beneficiarse, empresarios e en xeral personalidades con posibilidades económicas mercaban terreos que valaban para cobrar entrada e explotar unha cantina; organizaban torneos nos que os equipos da comarca disputaban unha copa posta en litixio.
Polo que respecta ás normas, organizadores e dirixentes adoitaban reunirse no sótano do Bar Fernando e alí deliberaban ata que sacaban unhas actas coas condicións coas que se había de xogar.
Todo isto ocorría antes da Guerra. Despois dela, xurdiu unha Federación en Ferrol dirixida por un único home, Juanito Ibañez, que se encargaba de organizar tódolos campionatos da comarca. Nestes campionatos participaban equipos de Ferrol como O Ciclista, Deportivo Canido, Galiano, Mendizábal, Galicia de Caranza, Acero, Libunca, Igrega da Graña, Esteiro e Europa; de Fene como o Barallobre, Maniños e Perlío; de Pontedeume como o Raxoi, Perbes, Eume; e os equipos mugardeses como o Sporting Pedreira, Victoria, Fortuna, Galicia e todos os que se foron formando.
Nos anos 40, o Rácing de Ferrol organizaba en Mugardos campionatos veraniegos coa finalidade de ver xogadores para un posible fichaxe. Estes torneos estaban moi ben considerados xa que os Departamentais reforzaban a cada equipo participante con dous xogadores do seu plantel.
[editar] Uns medios escasos
Polo que atinxe ás instalacións, nas primeiras épocas eran os propios xogadores os que ían ó monte a cortar piñeiros para instala-las porterías e logo marca-los campos.
Algúns dos campos de fútbol de Mugardos foron o de Bule Bule, o do Feal, o do Novás, o dos Casás... Todos eles estaban en medio do monte coas porterías de madeira de piñeiro e rodeados por unha corda suxeita con estacas.
Cando os empresarios meteron baza, comezaron a aparece-los campos pechados de táboas con vestiarios e algunha que outra “comodidade”. O primeiro foi o Campo de Elías, na Areosa onde se xogaban campionatos entre equipos ferroláns e mugardeses. O segundo foi o Campo de Grela no Cristo, inaugurado polo Rácing de Ferrol e o Brigantium de Betanzos. Un terceiro foi o Campo de Pascual na Pedreira onde xogaba o Ocaso.
[editar] A nova época. Fundación do actual Galicia de Meá
En 1952 hai unha reunión na tenda do Señor Manolo da Pedreira entre as forzas vivas do deporte en Mugardos. A intención é a de formar un equipo de fútbol que hoxe en día representa ó pobo mugardés. En dita reunión decidiuse nomear a Don Aurelio Maceiras, que estaba en Tarragona, como Presidente de Honra, cargo que acepta gustosamente pero poñendo como condicións que o novo equipo leve o nome de “Galicia” e as cores que deban levar sexan os mesmos que figuraban no Galicia do ano 33, é dicir, o verde e o branco. Unha vez máis demostra a súa estima pola Sociedade regalando o primeiro material composto por vestiario e botas, aparte da concesión económica que naquel instante era moi necesaria para comeza-la nova andaina.
A Xunta Directiva formada elixe a José O Cheo como principal mandatario e axiña baixan ó pobo na busca de socios.
Comézase a traballar no campo con todo tipo de axudas e unha ilusión desbordante. O Galicia de Mugardos S.D.C. ten -dixeron os seus primeiros directivos- como meta principal, participar no deporte e unir relacións entre as localidades do noso entorno. É o 30 de maio de 1953 cando a Sociedade é rexistrada oficialmente no Libro de Asociacións do Goberno Civil.
Logo de moitos sacrificios chega o día da inauguración, é o trece de decembro, día de Santa Lucía, cando a Sociedade Recreativa Cultural Galicia de Mehá (Mugardos) comeza a súa andadura polo fútbol galego nun partido xogado ante o Espartero (Portuarios) ferrolán no que o club mugardés gaña por tres goles a un, no recen estreado Campo da Pedreira.
[editar] O novo campo da Pedreira
O 12 de agosto do 1972 todo Mugardos se deu cita no Campo da Pedreira para ver o primeiro encontro de fútbol entre o Deportivo e o Rácing.
Cara finais da década dos sesenta era un soño na Sociedade a construcción dun novo campo, pois o anterior quedaba un pouco anticuado para as posibilidades do club xa que non estaba pechado e ademais os vestiarios quedaban a uns douscentos metros, o que supoñía unha gran incomodidade.
Para esto comézase coa adquisición dos terreos da zona de Cardido, na Pedreira. Unha vez conseguidos acométese un dos episodios máis destacables da Historia do Club, que foron os traballos necesarios para a construcción do actual Campo da Pedreira. O esforzo que alí fixeron tanto a directiva da época, presidida por Alfredo Díaz Bravo, como os socios e simpatizantes foi tan grande que é digno de ser lembrado e valorado por todos.
Sen esta colaboración desinteresada daquelas persoas non sería posible levar a bo fin tal empresa. A xente saía dos seus traballos e xantaba con presa para ir ó Campo ata que o día escurecía, e así xornada tras xornada.
Aínda que en man de obra non houbo gasto, atopáronse cunha serie de dificultades económicas e chégase á conclusión de solicitar un préstamo a Caixa Galicia por valor de 300.000 pesetas, co fin de dar comezo ás obras de peche. Dito crédito non sería solicitado ó dar comezo á “operación boleto”, na cal colaboran os establecementos da vila. Os ingresos conseguidos unidos ós donativos do Concello foron de 15.000 pts., que xunto cos da Deputación da Coruña (50.000) e da axuda económica dos socios e simpatizantes permiten encamiña-los traballos. As seguintes necesidades económicas son resoltas en parte pola Real Federación Española de Fútbol cunha subvención de 250.000 pts. A fondo perdido.
Os traballos durarían aproximadamente catro anos, ó final dos cales faríanse realidade os soños de moitos mugardeses.
[editar] Cadro de Presidentes do Galicia, S.D.C.
- 1953 - 1954 José Martínez Rojo
- 1954 - 1956 Antonio Martínez Doval
- 1956 - 1957 José Díaz Fernández
- 1957 - 1958 Antonio Martínez Doval
- 1958 - 1959 José Martínez Rojo
- 1959 - 1961 José Díaz Fernández
- 1961 Juan Prados Blanco (en funcións)
- 1961 - 1962 Alejandro Toimil Casal
- 1962 - 1964 Avelino Blanco
- 1964 - 1966 Juan Ameneiro Martínez
- 1966 - 1967 Arturo Iglesias
- 1967 - 1969 Antonio Vázquez Añón
- 1969 - 1974 Alfredo Díaz Bravo
- 1974 - 1975 José Martínez Rojo
- 1975 M. Vila Martínez (en funcións)
- 1975 - 1978 José Manuel López Martínez
- 1978 Julio Regueiro Rey (en funcións)
- 1978 - 1979 Alfredo Díaz Bravo
- 1979 Arturo Iglesias
- 1979 - 1980 Alfredo Díaz Bravo
- 1980 - 1985 José M. Varela Toimil
- 1985 - 1988 Agustín Martínez Silva
- 1988 - 1992 Alfredo Díaz Bravo
- 1992 - 1997 Antonio Martínez Romero
- 1997 - ... Xosé A. Bouza Rei
[editar] Himno do Galicia de Mugardos
En Mugardos formouse
un equipo formidable
que lle chaman o Galicia
non hai outro que o iguale
Non queren saír conformes
os colores de este equipo
porque el será
o que triunfará
na liga do fútbol
O Galicia
O Galicia
O Galicia é Campeón
Salta ó campo con valor
con ganas de demostrar
que sabes xogar moi ben
ó xogo do pelotón
O equipo campeón
á afición lles demostrou
e a xente berrou
O Galicia
O Galicia
O Galicia é Campeón
Salta ó campo con valor
con ganas de demostrar
que sabes xogar moi ben
ó xogo do pelotón
O equipo campeón
á afición lles demostrou
e a xente berrou
O Galicia
O Galicia
O Galicia é Campeón