Fotografía academicista
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Baixo o nome de Fotografía academicista, tamén coñecida como fotografía artística ou pictorialista -que non hai que confundir co pictorialismo fotográfico de finais do século XIX e principios do século XX-, coñécese unha corrente, que se desenvolveu na segunda metade do século XIX, que pretende a identificación da fotografía coa arte tratando de incorporar a esta disciplina elementos propios da pintura.
Este movemento fotográfico xorde como reacción ás críticas que negaban o valor artístico da fotografía. Os seus integrantes son fotógrafos que reivindican o papel artístico da fotografía buscando inspiración na pintura academicista, da que toman sobre todo os seus temas e xéneros (temas mitolóxicos, feitos históricos, etc.).
Xunto a isto tamén defenden a artisticidade da fotografía buscando que as fotos sexan o máis laboriosas ou complicadas de realizar e o menos mecánicas posibles. É por iso que primeiro se realiza un bosquexo previo, logo se utilizan decorados, disfraces, recórrese á composición de negativos (fotomontaxe)... e o resultado fotográfico final vén a ser froito de múltiplos procesos.
Os primeiros fotógrafos adscritos a esta corrente traballaban co daguerrotipo, pasando despois a empregar outros métodos fotográficos máis actuais.
Entre os artistas adscritos a esta corrente destacan André Adolphe Eugène Disdéri -quen foi incluso un teórico do movemento coa súa obra A arte da fotografía, 1862-, Fernando Navarro, Oscar Gustav Rejlander, Henry Peach Robinson e Julia Margaret Cameron.