Fases da lúa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Chámanse fases da lúa aos diferentes aspectos visuais que presenta a Lúa no seu xiro arredor da Terra segundo sexa a súa posición con respecto ao Sol.
Cando a Lúa está entre a Terra e o Sol, ofrécenos a súa cara non iluminada (Novilunio ou Lúa Nova). Unha semana máis tarde a Lúa deu 1/4 de volta e preséntanos media cara iluminada (Cuarto Crecente). Outra semana máis e a Lúa está en liña co Sol e coa Terra, ofrecéndonos toda a cara iluminada (Plenilunio ou Lúa chea). Unha semana máis tarde prodúcese o cuarto menguante. Transcorridas unhas catro semanas estamos outra vez en Novilunio. O tempo transcorrido entre dous novilunios chámase mes lunar ou mes sinódico e é de 29,53 días solares medios. As fases da Lúa teñen moita relación co establecemento do calendario e os seus diferentes periodos como semana e mes. As fases lunares constitúen a base do calendario musulmán.
Os diferentes planetas tamén teñen as súas fases. Galileo foi o primeiro en descubrir que Venus presentaba fases como a Lúa, argumento que apoiaba a Teoría heliocéntrica. Os planetas en órbitas interiores á terrestre Mercurio e Venus poden presentar fases elevadas. Debido ás diferentes condicións geométricas de posición relativa entre o Sol, a Terra e os planetas en órbitas exteriores estes non posúen fases apreciables observados desde a Terra.