Dereito de sucesións
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O dereito de sucesións ou sucesorio é o conxunto de normas que regulan o traspaso de bens, dereitos e obrigacións (sempre que non se extingan pola morte) dunha persoa física á morte desta. É parte do Dereito Civil. En moitos países (España entre eles) está regulado por unha lei: o Código Civil, así como polos usos e costumes de cada lugar. Porén, o de España é un caso especial, pois a Constitución permite que as comunidades regulen o seu propio Dereito Civil (ou Foral, segundo os casos) alí onde o haxa. Así, por exemplo, Navarra, Cataluña e Galicia contan con normas específicas para algúns aspectos.
Índice |
[editar] Sucesión testada
Tódalas persoas temos dereito a dispór acerca de a quen van pasar as nosas propiedades á nosa morte. Para permiti-lo exercicio dese dereito en moitos países unha boa parte do Dereito de sucesións vai adicada á que regras que rixen como o causante (respecto dunha herdanza, a persoa que morre) pode exercer o sobredito dereito. Así, por exemplo, no Sistema de dereito Anglosaxón a forma de dispoñer sobre as propiedades dun é un documento privado, aínda que redactado conforme ó que estipula o Dereito, chamado testamento. Ese mesmo nome se lle dá no Sistema de dereito Continental a unha escritura pública que un outorga coa mesma finalidade, pero na que ten que cumprir con máis requisitos legais. A aquela sucesión na cal o causante determinou o a transmisón das súas propiedades chámaselle Sucesión testada; asemade, o causante que outorgou testamento e dispuxo das súas propiedades recibe o nome de testador ou testante, se ben este último térmo pode levar a confusión pois tamén se aplica a cada unha das fincas colindantes doutra.
[editar] Lexítimas
Hai unha parte da herdanza da que o testador non pode dispór, a chamada lexítima, que consiste nunha fracción do total do caudal hereditario. Habitualmene está reservada para os fillos, pero o Dereito Civil de Galicia consagra o usufruto de certa parte da herdanza para o cónxuxe viúvo. Por outra banda, no Código Civil están reservados dous terzos en concepto de lexítima, dos cales un pode ser entregado en forma de mellora, o que quere dicir que pode ser entregado a un só fillo, se ben o outro debe dividirse entre tódolos fillos ou as súas liñaxes cando haxa fillos premortos que concebisen fillos. Nembaragantes, na Comunidade Foral de Navarra, o Dereito non consagra lexítima. A lexítima ten a súa razón de ser ó pretender evitar que as persoas que dependen economicamente do testador ou aquelas que compartían o uso dos seus bens con aquel, isto é, a súa familia, non queden sen unha porción da herdanza.
[editar] Testamentos
Un testamento é o documento mediante o cal o testador (persoa que outorga testamento) expón a súa vontade de establecer o futuro das súas propiedades mortis causa (expresión latina que quere dicir "por causa da morte") e explica a forma en que se han de dividi-la súa herdanza, e a quen se lle ha de entregar que parte da mesma. No testamento, o testante debe designar ós herdeiros, persoas que ademais de recibir unha porción das propiedades do difunto xestionan a sucesión. Ademais de todo o dito, o testador ten a posibilidade de asignar a herdeiro ou a cada legatario unhas cuotas, de tal forma que reciban unha parte das propiedades sen especificar cales.
[editar] Testamentos de acordo co Código Civil
En España o Dereito Civil común establece (á marxe dos testamentos especiais) tres clases de testamentos:
- O testamento ológrafo é o escrito do puño e letra do testador (persoa que outorga o testamento), non podendo estar escrito por ningún medio mecánico. Esta clase de testamento non debe ser presentado ante notario, aínda que posteriormente á morte debese constatar que está conforme a Dereito.
- O testamento notarial pechado é o que o testador presenta ante notario xa elaborado, sen que este saiba o seu contido. Este tipo de testamento si pode ser elaborado por medios mecánicos, aínda que en tal caso o testante debe firmar en todas e cada unha das páxinas. Así mesmo, o testante debe firmar tódalas páxinas cando, non sabendo escribir, encarga a outro que llo escriba.
- O testamento notarial aberto é aquel redactado polo notario dacordo coa vontade do testante. É o máis habitual. Quda rexistrado nos arquivos da notaría.
[editar] Outros testamentos
Outros testamentos, non recoñecidos polo dereito sucesorio común, son:
- O testamento mancomunado é o outorgado por varias persoas na mesma escritura ante notario na mesma forma que o testamento aberto. Un dos casos máis comúns é aquel no que un matrimonio testa conxuntamente. Neste caso pódense incluír disposicións correspectivas, que son aquelas nas que os testantes dispoñen dun ben común para o sobrevivinte á morte do outro.
- O testamento por comisario é aquel no que o testante delega a capacidade de testar noutra persoa, habitualmente o cónxuxe, mediante escritura pública na que ademais pode imporlle ó comisario algunhas condicións, tales como a duración da delegación, a disposición de certos bens, a instiución obligatoria de herdeiros, etc.
[editar] Requisitos para testar
Cando se outorga testamento notarial, deben acudir dúas testemuñas ó outorgamento cando:
- O requiran o notario ou o testador.
- O testador sexa cego ou demente en intervalo lúcido.
En España están impedidos para testar, entre outros, os menores de 14 anos e os que non están en pleno uso das súas facultades mentais. Non obstante, o feito de que os menores de idade poidan testar é bastante pouco común, sendo o límite máis común o da maioría de idade.
[editar] Executores do testamento
Son aquelas persoas ás que o testador encarga na escritura testamentaria o feito de levar a cabo, tanto administrativa como realmente, as disposicións incluídas no interior do testamento. Non tódalas figuras están recoñecidas por tódolos sistemas de dereito de sucesións, nin todas poder ter cabida en tódolos tipos de testamentos. Entre eles cóntase:
[editar] Testamenteiros
Son persoas ás que o testador encarga no testamento que realicen determinadas funcións á súa morte, tales como paga-lo enterro e o funeral, se o houber, sufraga-los legados en metálico, contactar cos herdeiros, etcétera.
O testador pode establecer con respecto ó cargo de testamenteiro:
- Que quen o exerza reciba uns honorarios.
- Que varias persoas o exerzan de maneira mancomunada.
Asemade, en previsión de que o testamenteiro abandone renuncie ó seu cargo, ou sexa cesado, pode determinar unhas persoas como substitutas.
En todo caso, aínda sendo voluntario exercer de testamenteiro, o que renuncie perderá os seus dereitos na herdanza, excepto disposición en contrario do testador.
[editar] Notarios
Os notarios son os que se ocupan se custodia-los testamentos cando estes son notariais ( isto é, todos excepto o ológrafo) e de redactalos cando toman a forma do testamento notarial aberto. Na maioría dos países son persoas que se licenciaron en Dereito, pero non sempre teñen que ter pasado unha oposición, como no caso de España; en Francia a aqueles licenciados que desexen ser notarios chégalles con pagar unha fianza en concepto dos gastos ocasionados pola instalación da oficina e polos gastos burocráticos. O sistema anglosaxón non recoñece esta figura, senón que no que é necesario substitúea pola do testamenteiro.
[editar] Contadores-partidores
Os contadores-partidores son aqueles que foron designados para reparti-la herencia cando a repartición non está realizada xa no propio testamento. Son designados polo testador na propia escritura testamentaria, se ben o testante tamén pode encomendarlle esta función (a través do testamento) ós herdeiros ou incluso ós testamenteiros. Os contadores-partidores deben respectar aquilo que ó efecto xa dispuxese o testador no propio testamento. Así mesmo, están obrigados a inventariar tódolos bens do causante antes de presenta-la repartición. Os contadores-partidores tamén son empregados á hora de parti-la herdanza en caso de sucesión intestada.
[editar] Comisarios
Cando o testador designou un comisario por escritura pública, e non fixou para este unha data na que remate o seu poder, o comisario poderaa exercer mentras viva e non incumpra algunha das condicións que o testador lle esixise para poder dispoñer das súas propiedades. Así, unha vez morto o causante, o comisario será quen de reparti-la herdanza da forma que considere máis oportuna, sempre e cando respecte as decisións que o testador lle obrigase a respectar na escritura pública de apoderamento. Unha das cousas que máis comunmente poñen como condición os causantes ós comisarios é a desiganación dos herdeiros, que adoita facerse xa na propia escritura pública de apoderamento.
[editar] Tipos de receptores de bens da herdanza
O Dereito de Sucesións adoita distinguir diversas categorías para as persoas que reciben unha parte da herdanza, en función do que reciban ou da forma en que o reciban. Deste modo, adóitase distinguir entre herdeiros, legatarios e lexitimarios, que se diferencian no seguinte:
- Os herdeiros son as persoas máis importantes dentr da repartición. En xeral distínguense por uns certos dereitos dos que os demais non disfrutan: así, os herdeiros en conxunto, e antes da partición da herdanza, representan en conxunto ó difunto e poden dispór dos seus bens na medida en que llelo permita o testamento e sempre que non haxa un testamenteiro que se encarque desta tarefa. Asemade, tamén poden denunciar o testamento ou defender os bens do difunto nun xuízo, etc.; é dicir teñen potestade para intervir respecto dos bens do morto, iso si, sempre e cando aínda non se realizase a partición da herdanza.
- Os legatarios están caracterizados por recibiren un ben concreto do testador a modo de donación, pero mortis causa; por iso non poden recibir unha cuota do caudal da herdanza nin nada similar. Ademais, non poden actuar no nome do testador nin ningunha das outras atribucións dos herdeiros. En algunhas ocasións, sobre todo cando o legado consiste nunha cantidade de cartos, o testador pode obrigar a algún dos herdeiros a que ese legado se deduza da súa porción da herdanza.
- Os lexitimarios son persoas respecto das cales o testador está obrigado por lei a reservar unha porción da herdanza. En xeral, os fillos son os lexitimarios, aínda que tamén pode que a lei reserve lexítima a ascendentes ou ó cónxuxe supervivinte, e nomeadamente neste caso en forma de usufruto. A lei non reserva bens concretos para os lexitimarios, senón unha porción do caudal hereditario líquido para cada tipo de lexitimario, o que non impide que o testador lle adxudique bens ata alcanza-la cuota. Moitos sistemas de Dereito de Sucesións outorgan ós lexitimarios a condición automática de herdeiros.
[editar] O Sistema anglosaxón
O Sistema Anglosaxón de Dereito ou Common Law básase nas sentenzas e dictames dos tribunais acerca dun asunto, sobre o que despois se poderá lexislar. Neste sistema, cando un tribunal crea un principio con respecto a un conflito concreto, está obrigando ó propio tribunal e ós órganos de xustiza que lle son subordinados a cumprir co novo principio con respecto a casos que sexan máis ou menos iguais. Non obstante, o dereito dado posteriormente polo poder lexislativo pode modifica-lo principio.
No que respecta ó Dereito de Sucesións, o Sistema Anglosaxón caracterízase, por unha parte, por dar libre disposición sobre o total da herdanza ó testante, o que significa que o testante dispón do total das súas propiedades, sen cargas de lexítimas ou de disposicións lexislativas. Por outra banda, o testante debe face-lo testamento por si mesmo, sen acudir a notarios ou a outros funcionarios públicos. Emporiso, é bastante común que o testador pida a axuda dun avogado para cumprir cos requisitos que esixe a lei á hora de outorgar testamento, quen en ocasións actúa asemade como testamenteiro. Un deses requisitos é o de que durante o acto de outorgamento deben estar presentes alomenos dúas testemuñas que non reciban algo do testamento. Amén de todo isto é combeniente resaltar que este sistema de dereito dá ó testamento a categoria de escritura privada, e non pública, como no Sistema de Dereito Continental.
[editar] Sucesión intestada ou abintestata
É a que se da cando o causante non expresou a súa vontade respecto da herdanza, cando a vontade dada vai contra a lei de tal forma que se anulan as súas disposicións ou cando os herdeiros todos instituídos polo testante renuncian á herdanza ou fosen incapaces para herdar. Tamén se da a sucesión abintestata cando o testador non dispuxese de parte doas seus bens, aínda que neste caso a partición conforme os principios da sucesión intestada só se aplica ós bens non dispostos. Na sucesión intestada non é preceptivo respecta-la lexítima.
Cando se dan estas situacións entrégase, por este orde e de maneira sucesiva, ós descendentes, ós ascendentes, ó cónxuxe ou ós parentes colaterais e ó ente público. As regras para a entrega da herdanza nestes casos son máis ou menos as mesmas en tódolos países de influencia occidental. Na sucesión abintestata tódolos parentes no mesmo grao do causante pertencentes á mesma liña reciben a mesma porción da herdanza.
[editar] Sucesión dos descendentes
En primeiro lugar o caudal hereditaro entrégase ós descendentes directos, de tal forma que se divida a partes iguais entre os máis próximos en grao (os fillos). Cando parte ou tódolos fillos tivesen morto, dividirase a herdanza entre os fillos vivos e as liñaxes dos fillos mortos. Posteriormente, a parte de cada liñaxe repártese a partes iguais entre os netos. No caso de que slgúns ou tódolos netos tivesen morto, a parte que lles corresponda do caudal hereditario será dividida entre os seus fillos a partes iguais, e así sucesivamente. É dicir, a hedanza divídese en primeiro lugar ente os descendentes directos, tendo en conta que un descendente de grao x exclúe da participación na herdanza ós descendentes do causante que á súa vez descendan del.
[editar] Sucesión dos ascendentes
Cando non houber descendentes, herdarán os ascendentes. En primeiro lugar, a herdanza correspónde ós pais: a metade para cada un se ambos estiveren vivos, ou toda para un só, se só houbese un. De se-lo caso de non estaren vivos os pais, pero si outros ascensdentes, dividirase a herdanza de tal forma que sexa unha metade para os parentes maternos e a outra metade para os paternos. En cada liña dividirase por cabezas, tendo en conta que un parente de grao x exclúe os parentes que ascendan do causante a través del.
[editar] Sucesión do cónxuxe e das ramas colaterais
En defecto de ascendentes ou descendentes herdará o cónxuxe non separado legalmente, e non habéndoo, os parentes colaterais. De entre estes, herdarán con preferencia os irmáns e os sobriños. Cando houber medios irmáns e tamén irmáns por pai e nai, estes últimos tecibirán porción dobre que os demais irmáns. Cando non houber nin irmáns, nin fillos de irmáns, recibirán a herdanza os demais parentes colaterais ata oa cuarto grao, alén do cal non está permitido herdar. Cando foren estes parentes entre os que se reparta o caudal hereditario, farase por cabezas, sen distinción de grao.
[editar] Sucesión do ente público
En ausencia de parentes habilitados pola lei para herdar en casos de sucesión intestada (os paretes lonxanos non herdan nestes casos; ademais, a certas persoas a lei non less permite herdar), o máis común é que o caudal hereditario pase a mans dalgún ente público, xa sexa este o ente estatal, o rexional..., segundo as regras do lugar que se trate. Con frecuencia o sobredito ente público ten a obriga de adicar a herdanza ou o seu valor líquido a obras para a comunidade, tales como obras culturais, obras para a reinserción social, obras para mellora da calidade de vida, etc. Decotío estas obras de carácter sociais deben estar circunscritas á area (municipal ou rexional) na que o causante tivo a súa última residencia habitual, ou de non ser esta coñecida, a aquela na que morreu.
[editar] Peculiaridades do sistema sucesorio galego
O Dereito Civil particular de Galicia está regulada na Lei de Dereito Civil de Galicia. No que respecta ó Dereito de Sucesións, entre outras, hai as seguintes peculiaridades:
- Contrariamente ó que nos indica o Dereito Civil Común, en Galicia están permitidos os testamentos mancomunados e os testamentos por comisario, no caso de que os testadores fosen cónxuxes. Nos testamentos mancomunados os cónxuxes poden destinarse disposicións correspectivas, que son disposición nas que se destinan bens mutuamente.
- Así mesmo, tamén está permitido que o testante outorgue ó seu cónxuxe ó usufructo universal de viuvez , o que significa que, á morte do testador, o seu cónxuxe será usufructuario de tódolos seus bens, independientemente de a quen fosen legados. Debido a iso, a persoa viúva recibirá en propiedade tódalas rentas producidas polas propiedades das que é usufructuario. Asemade, as sobreditas propiedades non poderán ser vendidas sen a autorización do usufructuario. Habitualmente o cónxuxe usufrutuario cesa de tal condición ó casarse de novo.
- Tamén está permitido que os cónxuxes se designen herdeiros universais mutuamente, independientemente de que outorguen ou non testamento mancomunado.
- Certas propiedades son consideradas como indivisbles: os herdeiros reciben unha cuota de participación na propiedade, como se fose unha sociedade. O caso máis notorio é o dos muíños de herdeiros. Nembargantes, hai outras propiedades que, malia seren indivisibles, só poden ser legadas a un dos herdeiros; o caso máis notorio son as casas petruciais.
- Os lexitimarios non son considerados necesariamente como herdeiros, contrariamente ó que está establecido na maior parte das diferentes clases de Dereito de Sucesións; non obstante, o máis común de feito é ser lexitimario e herdeiro á vez.
[editar] O imposto de sucesións
O imposto de sucesións é unha porción do capital hereditario líquido que recibe un herdeiro ou un legatario que o ente público onde o causante tiver o seu último domicilio habitual reserva para si. A porcentaxe que se debe pagar varía conforme ós lugares onde nos atopemos e do grao de parentesco que teña o herdeiro ou o legatario, así como o patrimonio do herdeiro ou do legatario. En certos países mesmo se da o caso de non existir (tal é o caso de Alemaña). Este mesmo imposto tamén se aplica sobre as doazóns gratuítas (para evitar que os pais donen as súas propiedades antes de morreren para evitaren pagar o imposto). En España este tributo xestiónano e cóbrano as comunidades autónomas, de tal forma que cada unha establece as reduccións que considera oportunas. Así, por exemplo, en Castela e León os minusválidos que herdan teñen unha reducción do 99 %.