Campinas, Brasil
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Campinas é unha cidade brasileira do estado de Sao Paulo. Está ao norte da capital do estado, a unha distancia de 90 km desta. Ten unha área total de 796 km2, e unha poboación estimada, no ano 2004, de 1.031.887 habitantes. Xunto co outras 18 cidades, forma a segunda rexión metropolitana do estado de São Paulo, con aproximadamente 2,33 millóns de habitantes (6,3% da poboación do estado).
[editar] Economía rexional
Actualmente a cidade representa un terzo da produción industrial do estado. Destacan as industrias de alta tecnoloxía e a produción metalúrxica. A cidade é tamén un importante centro comercial - ten o máis grande centro comercial do Brasil en superficie, o Shopping Parque Dom Pedro - e de servizos. Posúe na súa rexión metropolitana un aeroporto internacional, Viracopos, que destaca no transporte internacional de mercadorías.
A construción de importantes estradas, como a Via Anhangüera (1948), Rodovia dos Bandeirantes (1978), a Rodovia Santos Dumont (anos 1980) e a Rodovia Dom Pedro I (actualmente, todas elas de dobre carril) transformaron a cidade nun importante centro de conexión de estradas, esencial para o desenvolvemento da industria e comercio rexional.
A cidade é tamén sede de importantes universidades, como a Universidade Estadual de Campinas (UNICAMP) - que forma persoal capacitado para as industrias de alta tecnoloxía da rexión - e a Pontificia Universidade de Campinas (PUCCAMP).
A cidade ten dous importantes equipos de fútbol: Guarani Futebol Clube (coñecido por Guarani) e Associação Atlética Ponte Preta (coñecida por Ponte Preta).