Brian Boru
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Brian Boru (en inglés), Brian Bóirmhe en (gaélico irlandés) (941?-1014), Gran Rei de Toda a Irlanda.
Brian Boru naceu preto de Killaloe (no moderno condado de Clare, na Irlanda) co nome Brian Mac Cennétig (Kennedy). Acabou por se tornar coñecido polos nomes anglicizados de Brian Boru ou Brian Boruma (ou sexa, "o dos tributos"), pois recollía tributos doutros gobernantes menores da Irlanda, e utilizábaos para reconstruír os mosteiros e as bibliotecas (que foran destruídos durante as invasións dos viquingos). Era fillo de Cennétig mac Lorcáin, rei de Thomond, e de Bé Binn ingen Aurchada, filla do rei de Connacht occidental.
Tornouse rei de Munster en 976, e ascendeu en 1002 ao cargo de Gran Rei de Toda a Irlanda (Árd Righ Gaidel Éirinn en gaélico irlandés, High King of All Ireland en inglés); nos rexistros eclesiásticos aparece aínda referenciado, para alén de Rei da Irlanda, como "Emperador dos Irlandeses" (Rex Hiberniæ et Imperator Scottorum).
Brian Boru morreu no Venres Santo, de 1014 (23 de abril), durante a batalla de Clontarf contra os vinquingos. Enterrouse en Ard Macha (no condado de Armagh). Sen o seu heroico líder, a Irlanda caíu no caos e na anarquía dinástica, e nunca máis voltou a ficar unida baixo o dominio dun irlandés. No entanto, a sua fama continuou a ser tan grande que os seus descendentes, os O’Brien, convertéronse nunha das principais familias do país. No século XII publicaron Cogadh Gaedhil re Gallaibh (A guerra dos irlandeses cos estranxeiros), unha obra propagandística na que el é o protagonista e que o elevou á posición mitolóxica que ocupa.
Aínda hoxe o símbolo nacional da Irlanda, convertido en brasón de armas, é a Harpa de Brian Boru, conservada no Trinity College de Dublín, e que disque pertenceu en tempos ao soberano irlandés. É esta a harpa que figura no reverso das moedas irlandesas (tanto nas libras irlandesas como nos euros).