Bülent Ecevit
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Bülent Ecevit, nado como Mustafa Bülent Ecevit (Istambul 1925 - Ancara 2006 ) é un escritor, xornalista e político turco.
Estudou nun colexio dunha misión protestante norteamericana, e na universidade estudou sánscrito, bengalí e inglés e traduciu libros de Rabindranath Tagore, T. S. Eliot e Bernard Lewis ao turco. En 1946 pasou a traballar na oficina de prensa do goberno turco en Londres e a partir de 1950, xa en Ancara, nos xornais Halkçi e Ulus, este último o órgano do Partido Popular Republicano (CHP), o partido polo que en 1957 accedeu ao parlamento e do que en 1959 entrou no seu Comité Central, representando aos sectores da esquerda do partido. Foi ministro de traballo entre 1961 e 1965, lexislou para recoñecer o dereito de folga. Secretario Xeral do CHP entre 1966 e 1971 e presidente en 1972.
En 1974 converteuse en primeiro ministro dun goberno en coalición co Partido de Salvación Nacional de Necmettin Erbakan, anmistía os presos políticos e o 20 de xullo de 1974 de ordenou a intervención militar en Chipre logo de que se producise un golpe de estado dos partidarios da unión con Grecia, o que levou á división da illa e a aparición da Republica Turca de Chipre do Norte. O 18 de setembro 1974 dimitiu coa pretensión de que se celebrase eleccións que lle permitisen gobernar en solitario, pero Süleyman Demirel, do Partido da Xustiza, conseguiu artellar un goberno polo que o CHP pasou á oposición. Ecevit foi primeiro ministro en dous breves períodos posteriores: entre o 21 de xuño e o 11 de xullo de 1977 e do 5 de xaneiro de 1978 ao 12 de noviembro de 1979.
Tras o golpe de estado militar do 12 de setembro de 1980 dirixido polo xeneral Kenan Evren Ecevit foi encarcerado e suspendido de calquera actividade política de por vida. Un referendo en 1987 permitiu a súa volta á actividade pública e converteuse no líder do Partido da Esquerda Democrática (Demokratik Sol Parti) en 1989. Nas eleccións que se celebraron nos anos seguintes o partido non conseguiu entrar no Parlamento ata 1995 no que superou a barreira electoral,.
Nas eleccións de 1999 o seu partido converteuse no primeiro do Parlamento e el foi elixido primeiro ministro dun goberno de coalición co Partido da Nai Patria de Mesut Yilmaz e o Partido Popular Nacionalista de Devlet Bahceli. O goberno realizou reformas e estabilizou a economía turca en preparación para a apertura de negociacións coa Unión Europea. Malia iso a política económica fixo caer a súa popularidade e forzou novas eleccións en 2002, no que non foi capaz de que o seu partido entrase na Asemblea Nacional e retirouse da actividade politica.