Imperio Latino
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
En 1204, os cabaleiros da Cuarta Cruzada estableceron un estado cruzado coñecido como Imperio Latino ou Romania, con base en Constantinopla, tras saquear a cidade. Proclamábanse como os sucesores cristiáns do Imperio Bizantino. Balduíno IX, conde de Flandres, foi coroado como o seu primeiro emperador o 16 de maio de 1204.
O nome latino do emperador era Imperator Romaniae, ou Emperador de Romania. O nome non ten nada que ver co estado actual de Romanía; é a forma latina do título de Emperador Bizantino, a quen o emperador latino esperaba substituír. O Imperio Bizantino nunca se chamou desta forma e o título do emperador era Basileus Rhomaion, ou emperador dos romanos. Isto produciu o curioso efecto de que en Europa existían ao mesmo tempo tres imperios romanos, sendo o outro o Sacro Imperio Romano xermánico.
O Imperio Latino reclamou todas as terras controladas polo Imperio Bizantino no momento en que Constantinopla foi conquistada e exerceron control sobre áreas de Grecia (os Estados Cruzados: O Reino de Tesalónica, o Principado de Acaia e o Ducado de Atenas). Con todo, a maioría do territorio permaneceu en mans de estados rivais dirixidos por aristócratas do antigo imperio, como o Despotado de Epiro, o Imperio de Nicea e o Imperio de Trebisonda. Os parentes de Balduíno loitaron durante moitos anos polos seus dominios. O Imperio Latino finalizou o 25 de xullo de 1261 cando Miguel VIII Paleólogo reconquistou Constantinopla, derrocando ao último emperador latino Balduíno II.
Os herdeiros de Balduíno II seguiron utilizando o título de Emperador de Constantinopla durante un século, e víanse como teóricos amos de varios estados latinos no mar Exeo.