Alón, Santa Comba
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Santa María de Alón é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Santa Comba. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 453 habitantes (233 mulleres e 220 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999, cando contaba con 497 habitantes.
A parroquia de Alón conta con sete lugares, que son: Alón de Arriba, Alón de Abaixo, Albarín, O Catadoiro, O Couto, A Cruzana e Esmorode.
Índice |
[editar] Patrimonio artístico e cultural
[editar] Cruceiro do igrexario
Atópase no igrexario, diante da fachada da igrexa parroquial, no lugar de Alón de Abaixo. Construído en granito, é un dos tres que existen no concello cunha temática relacionada coa Paixón de Cristo. Érgese sobre unha plataforma cuadrangular e un pedestal tamén cuadrangular no que se achan representados os seguintes símbolos relacionados co motivo da paixón: a salamántiga, a serpe, tibias en forma de X, ademais de caveiras en cada un dos extremos.
O varal, que comeza sendo cadrado e remata con sección octogonal, mostra así mesmo outros símbolos da paixón: lanzas en X, cordón, tenaces, martelo, escada, a coroa de espiñas, o corazón cos cravos. Nun pequeno fornelo ten a imaxe de San Francisco axudando co seu cordón a saír do purgatorio ás almaalmiñas condenadas.
No capitel, de sección octogonal, distínguense o astrágalo circular liso, volutas, caras e un ábaco de lados curvos e vértices [[|chafrán|chafranados]]. No anverso dunha cruz de sección circular e aspecto leñoso con nós, áchase representado a Cristo crucificado con tres cravos, cabeza coroada de espiñas, o rostro cara a diante, o pano de pureza anoado á dereita e o INRI. No reverso aparece a virxe en actitude orante, apoiada sobre peaña, e coas súas mans en cruz sobre o peito.
Existe unha mesa exenta a carón do cruceiro feita tamén en granito, que substitúe a outra que rompeu.
Arredor do cruceiro vaise en procesión nas festividades da parroquia pero soamente o día do Sacramento se fai parada diante do cruceiro, colocándose o Santísimo na mesa e levándose a cabo un rezo ou canto.
[editar] Igrexa de Santa María de Alón
Foi construída entre 1773-1782 polo arquitecto Manuel Varela, sendo arcebispo Alexandre Bocanegra. É unha igrexa de estilo barroco, de planta de salón cunha soa nave dividida en tres tramos, e capela maior de igual anchura que a nave. A cabeceira cóbrase con bóveda de crucería mentres que a nave central faino mediante unha bóveda de canón.
A fachada organízase a xeito de retablo, cun pano central enmarcado por dúas pilastras e rematado por un gran frontón curvo sobre o que se alza un campanario de planta cadrada formado por dous corpos. O primeiro de base cuadrangular, formado por catro arcos de medio punto, lixeiramente apuntados e coroado por unha cúpula bulbosa.
[editar] Capela do cemiterio novo de Alón
Foi construída polos veciños en 1999, na honra da Virxe de Fátima e San Xosé. Émprégase soamente para as funcións relixiosas nos enterros. É unha sinxela capela dunha única nave, con sancristía pegada na cabeceira no seu lado sur. A iluminación realízase a través de amplas fiestras nas paredes laterais.
Debaixo da capela, á que se accede mediante unha escalinata, dispúxose un local para a función de tanatorio.
A fachada é pentagonal, con porta con forma de lintel, óculo que ilumina o espazo interior, e espadana con dous vaos.
[editar] Gastronomía e festas
[editar] O Entroido
É a época anterior á abstinencia da coresma, e polo tanto aproveitábase para comer carne, de aí a tradición da cacheira. Tamén é esta unha época de exceso no consumo de doces: orellas, filloas, chulas, ovos...
[editar] A Coresma
O mércores de cinza, os venres de abstinencia ou vixilia e durante a Pascua facíanse tortillas de ovos ou peixe, traído por unhas "xireleiras" de Noia.
[editar] O Nadal
Lonxe das festas consumistas de agora, o menú cotián sufría só pequenas variacións: engadíaselle máis cantidade de carne, e había castañas e papas de arroz.
[editar] Divertimentos
As ruadas eran festas celebradas nas aldeas, nun lugar acordado. Na parroquia de Alón celebrábanse nas seguintes casas: en Alón de Arriba na casa da Caseira, en Alón de Abaixo na casa da Roqueira, no Couto na casa da Raxada e na de Soneira, no Cataduiro na casa de Ramos, en |Esmorode na casa do Cacho e na de Martís.