Ebooks, Audobooks and Classical Music from Liber Liber
a b c d e f g h i j k l m n o p q r s t u v w x y z





Web - Amazon

We provide Linux to the World


We support WINRAR [What is this] - [Download .exe file(s) for Windows]

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
SITEMAP
Audiobooks by Valerio Di Stefano: Single Download - Complete Download [TAR] [WIM] [ZIP] [RAR] - Alphabetical Download  [TAR] [WIM] [ZIP] [RAR] - Download Instructions

Make a donation: IBAN: IT36M0708677020000000008016 - BIC/SWIFT:  ICRAITRRU60 - VALERIO DI STEFANO or
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Carlos Velo - Wikipedia

Carlos Velo

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Carlos Velo
Agrandado
Carlos Velo

Carlos Velo Cobelas (nado en Cartelle no 15 de novembro de 1909 e morto en México, onde viviu exiliado, no 10 de marzo de 1988) foi un cineasta galego, seguramente o máis importante da historia, e figura chave do cinema mexicano.

Índice

[editar] Biografía

Naceu nunha pequena aldea, onde o seu pai exercía de médico. De rapaz, trasládase á cidade de Ourense a estudar o bacharelato e despois Maxisterio. Nesta época coñece a Vicente Risco e da súa man embébese de galeguismo. Agroma tamén nestes anos a súa dobre vocación pola bioloxía e polo cinema.

Por decisión familiar trasládase a Madrid para realizar a carreira de medicina, pero Velo decántase pola bioloxía. Acada a licenciatura en 1932 e iníciase na investigación baixo a dirección de Cándido Bolívar Pieltain, quen tamén terminaría os seus días exiliado en México. Imparte na Universidade Central de Madrid as asignaturas de entomoloxía e ciencias naturais. Curiosamente, dende a súa especialización como biólogo entrará en contacto co mundo profesional do cine, pois será Velo o encargado de subministrarlle a Luis Buñuel as formigas vermellas que precisaba na filmación de Un perro andaluz.

Velo coñece a través das sesións de cinema da Residencia de Estudiantes a obra de Robert Flaherty, Eisenstein, Pudovkin, Vertov e Alexandre Dovxenko. Entusiasmado cos seus descubrimentos funda en 1933, e dirixe, o cineclube da FUE. De aí viña o seu coñecemento persoal de Federico García Lorca. A repetida visión e estudo do Acoirazado Potemkin marcou para sempre a súa vocación polo cine, adentrándose na técnica cinematográfica da man de Fernando Gutiérrez Mantilla. Experimenta coa fotografía utilizando unha pequena cámara Leica. En 1934 realiza o seu primeiro documental, Almadrabas, ao que ía seguir Infinitos en 1935 con música de Rodolfo Halfter. Realiza Felipe II y el Escorial e axiña, durante unhas vacacións na terra, Galicia. Cando este documental se exhibiu na Exposición Internacional de París recibiu o primeiro premio e mais o diploma dun xurado que presidía Buñuel.

Ao inicio da guerra civil atopábase en Segovia preparando as oposicións á catedra de Ciencias Naturais. Marcha para Cartelle pensando en fuxir coa súa muller Marylín Santullano a Portugal; desiste do plan e por un azar remata en Marrocos filmando, por espazo de seis meses, Yerbala. En febreiro do 39 cun salvoconducto do exército republicano pasa a Francia como refuxiado, para o campo de concentración de Saint Cyprien-Josafat

Xunto coa muller, grazas aos irmáns Fernando e Susana Gamboa, embarca rumbo a México no vapor Flandre. Na capital mexicana, reúnese na casa do pintor David Alfaro Siqueiros canda outros intelectuais españois. Dá clases de Bioloxía Xeneral no Instituto Politécnico Nacional, recentemente inaugurado polo presidente Lázaro Cárdenas e nacionalízase mexicano.

No número 6 da revista España Peregrina, de xullo de 1940, publica Galicia, paisaje de sangre. Realiza varias colaboracións sobre temas de cinema para a revista Romance. En 1942 colabora na fundación da revista Saudade, xunto a Florencio Delgado Gurriarán, Xosé Caridad Mateo e Ramiro Isla Couto. É membro da Unión de Profesores Universitarios Españoles que dirixe en México dende 1943 o científico Ignacio Bolívar (da que tamén son membros os galegos Bibiano Fernández-Osorio Tafall e Lois Tobío). Prosegue coa docencia en distintos centros ata que en 1944 decide abandonar o traballo afectado dunha forte depresión que lle causa a súpeta morte da muller.

Recupera azos mergullándose no cine. En 1944 gaña como coguionista un premio ariel por Entre hermanos. Ocúpase dende 1946 ata 1953 da dirección do Noticiero Mexicano EMA e realiza os documentais México eterno, México incógnito e Historia de México. Coñece en 1952 ao produtor iucateco Manuel Barbachano Ponce co que realiza a curtametraxe Telerevista. Cando ao ano seguinte os irmáns Barbachano fundan Teleproducciones, Velo pasará a ocupar o cargo de director técnico. Desenvolve para Barbachano o proxecto Cine Verdad e poñen en marcha o proxecto Raíces da autoría de Velo, pero que por problemas sindicais asinará Benito Alazraki. Con Raíces obtivo o Premio da Crítica no Festival Internacional de Cannes en 1953. Para Fernando Gamboa realiza un gran documental sobre a pintura mural mexicana (Pintura mural mexicana. Retrato dun pintor, sobre Diego Rivera e Arte público, dedicado a David A. Siqueiros).

Participa en diversas actividades alentadas polos exiliados. É, en 1949, un dos socios fundadores do Ateneo Español de México, ao igual ca outros galegos como José Almoina, Caridad Mateos, Manuel Porteiro Viñas e Arturo Souto. Identificado coa causa galeguista, será un dos fundadores en 1953 do Padroado da Cultura Galega (no cal se sumará á liña máis radical representada por Luís Soto) e, en 1958 alentará, sendo presidente do Padroado, a aparición da revista Vieiros que integra tamén a Florencio Delgado Gurriarán, Luís Soto e Elixio Rodríguez. Antes, en 1956 enviara ao Primeiro Congreso da Emigración de Bos Aires a súa proposta para a creación dun Centro Cinematográfico Galego. Realiza tamén un documental sobre a pintura do seu amigo Arturo Souto. É de salientar que o primeiro número de Vieiros codirixido por Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e Luís Soto sae en 1959. Un segundo número, codirixido polos mesmos, sae en 1962. No terceiro de 1965 Florencio Delgado é substitiuído por Xosé Caridad Mateo. O ultimo número de Vieiros saíu na primavera de 1968.

En 1956 dirixe para a produtora de Barbachano a súa primeira longametraxe, Torero, trasunto cinematográfico da biografía de Luís Procuna, coa que recibe outros premios en Venecia e Cannes e unha preselección para o óscar. Dende o seu posto en Teleproducciones colabora de maneira decisiva en Nazarín (1958) de Buñuel e en Sonatas (1959) de Juan Antonio Bardem. A petición de Alfredo Guevara participa na creación do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica (ICAIC). En 1960, tamén con Barbachano, asume o desafío de levar ao cine Pedro Páramo, a novela do seu amigo Juan Rulfo. Carlos Fuentes colabora no guión, axudándolle a recrear a atmosfera do universo rulfiano. O mesmo Rulfo colabora na localización de paisaxes nos estados de México e Hidalgo. A película estréase en 1966 sen que Velo se considere satisfeito do resultado a pesar de que a crítica loa o coidado técnico e a fotografía en branco e negro. A polémica que arrodeou a presentación do filme lévao a un cine máis comercial.

Para a produtora da súa segunda muller, Angélica Ortiz, realiza Don Juan 67, Cuatro de chocolate y uno de fresa, Alguien nos quiere matar e El medio pelo. Volve despois de novo ao documental. En 1971 dirixe o Centro de Producción de Cortometraje dende o que impulsa unha fonda renovación do cine mexicano. En 1975 pasa a dirixir o Centro de Capacitación Cinematográfica, aceptándose a súa proposta de nomear a Buñuel Presidente honorario do mesmo. Segue a realizar documentais como Universidad comprometida, no cal inclúe o discurso de Salvador Allende aos estudantes da Universidade de Guadalajara en decembro de 1972; esta curtametraxe foi premiada no Festival Iberoamericano de Huelva. Filma tamén Homenaje a León Felipe e Cartas de Japón.

Dende España, se ben moi tarde, comezan a chegarlle os recoñecementos. En 1976 a Filmoteca Española tribútalle unha homenaxe. En 1977 as V Xornadas de Cine de Ourense promoven unha primeira homenaxe galega, á que asiste o propio Velo. Pero, antes do recoñecemento pleno a un e outro lado do Atlántico, Velo habería de pasar serias dificulades. No sexenio do presidente José López Portillo foi inxustamente acusado, como logo se demostrou, de fraude na xestión de fondos públicos. Os catro meses pasados no cárcere minguaron a súa saúde. Velo é reivindicado publicamente no sexenio de goberno do presidente Miguel de Lamadrid, que en 1984 o nomea subdirector de medios audiovisuais no Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología.

Comezada a década dos oitenta, o Ministerio de Cultura do goberno español, presidido por Felipe González, encárgalle unha serie de curtametraxes, finalmente editadas en vídeo, sobre os republicanos exiliados en México. Velo realiza Tres pintores e Pintura e poesía. En 1983 recibe da Xunta de Galicia o premio "Mestre Mateo" e en 1985 fíxoselle unha retrospectiva-homenaxe no Festival do Carballiño. Despois da súa morte en México, na súa memoria a Consellería de Cultura constituíu en 1989 o Premio de Guións "Carlos Velo".

[editar] Filmografía (incompleta)

[editar] Curtametraxes documentais

  • Almadrabas (1934), codirector e guionista
  • En un lugar de Castilla (1934), director e guionista
  • La ciudad y el campo (1934), director e guionista
  • Felipe II y El Escorial (1935), codirector e guionista
  • Infinitos (1935), codirector e guionista
  • Castillos en Castilla (1935), codirector e guionista
  • Galicia y Compostela (1935), codirector e guionista
  • Tarraco Augusta (1935), codirector e guionista
  • Saudade (1936), codirector e guionista
  • Yebala (1937), director
  • Galicia (1937), director
  • Los que sí y los que no (1972), director, produtor e guionista
  • El rumbo que hemos elegido (1972), director, produtor e guionista
  • Cartas a Japón (1973), director, produtor e guionista
  • A la mitad del camino (1973), director, produtor e guionista
  • Baja California: Último paraíso (1973), director, produtor e guionista
  • Baja California: Paralelo 28 (1973), director, produtor e guionista
  • Forum de Roma (1974), director, produtor e guionista
  • Laberinto (1975), director, produtor e guionista
  • El pueblo maya (1983), director, produtor e guionista

[editar] Longametraxes documentais

  • Romancero marroquí (Der Stern von Tetuan) (1939), codirector
  • Torero (1956), director e guionista

[editar] Longametraxes de ficción

  • Entre hermanos (1944), guionista
  • Raíces (1953), guionista
  • Chistelandia (1958), codirector
  • Nueva Chistelandia (1958), codirector
  • ¡Vuelve Chistelandia! (1958), codirector
  • Nazarín (1958), conselleiro de produción
  • Sonatas (Aventuras del marqués de Bradomín) (1959), produtor
  • Don Juan 67 (1966), director e guionista
  • Pedro Páramo (1969), director
  • Secreto eterno (1966)
  • Cinco de chocolate y uno de fresa (1967) director e guionista
  • El medio pelo (1970) director e guionista
  • Alguien nos quiere matar (1977) director e guionista
Outras linguas
Our "Network":

Project Gutenberg
https://gutenberg.classicistranieri.com

Encyclopaedia Britannica 1911
https://encyclopaediabritannica.classicistranieri.com

Librivox Audiobooks
https://librivox.classicistranieri.com

Linux Distributions
https://old.classicistranieri.com

Magnatune (MP3 Music)
https://magnatune.classicistranieri.com

Static Wikipedia (June 2008)
https://wikipedia.classicistranieri.com

Static Wikipedia (March 2008)
https://wikipedia2007.classicistranieri.com/mar2008/

Static Wikipedia (2007)
https://wikipedia2007.classicistranieri.com

Static Wikipedia (2006)
https://wikipedia2006.classicistranieri.com

Liber Liber
https://liberliber.classicistranieri.com

ZIM Files for Kiwix
https://zim.classicistranieri.com


Other Websites:

Bach - Goldberg Variations
https://www.goldbergvariations.org

Lazarillo de Tormes
https://www.lazarillodetormes.org

Madame Bovary
https://www.madamebovary.org

Il Fu Mattia Pascal
https://www.mattiapascal.it

The Voice in the Desert
https://www.thevoiceinthedesert.org

Confessione d'un amore fascista
https://www.amorefascista.it

Malinverno
https://www.malinverno.org

Debito formativo
https://www.debitoformativo.it

Adina Spire
https://www.adinaspire.com