Biosbardo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os biosbardos son unha figura mitolóxica existente en Galicia coa que se adoitan gastar bromas aos non iniciados. A situación dáse cando un grupo convida a alguén a cazar "biosbardos" de noite, debido a que os non iniciados non coñecen o tema e normalmente aceptan. Dise que hai que ir a un camiño estreito e afastado, onde non se oia canto de galo nin de galiña, nin voces humanas, e armados cun saco grande de boca ancha. A cuestión é que non existen e os compinchados aproveitan a escuridade da noite para facerlle algunha inocentada á vítima.
Nalgunhas zonas de Galicia tamén son coñecidos como cozorellos ou cotovelos e varía así mesmo a súa localización, xa que poden atoparse tanto no río coma no monte. Normalmente é máis sinxelo atopalos nas noites de xeada.
Seres semellantes aos biosbardos son os Gambusinos ou Gamburrinos doutras zonas da península. O Dahue, Dahut e Daru de Poitou é un animal de forma indefinida, extremadeamente raro, de pel valiosísima, que só se pode capturar nas noites frías de inverno agardando toda a noite á intemperie a que veña, nunha broma idéntica á descrita para os biosbardos. Parece ser que na Illa de Man existe un ser semellante chamado algo así como phymodee.
O seguinte encantamento fai que os biosbardos se metan no saco:
- Son Leonardo
- Ti es biosbardo
- Biosbardo, vente ó saco,
- que eu te agardo, e son Leonardo
Mais outra:
- Biosbardo,
- ven ó fardo,
- que alpabarda
- por ti agarda.
[editar] Bibliografía
- Eduardo BLANCO AMOR (1962) Os biosbardos. Vigo: Editorial Galaxia. Dous dos oito contos deste libro teñen este tema como argumento: "Os biosbardos" e "Bartomeu i os biosbardos". Do primeiro é a primeira das invocacións mencionadas.
[editar] Ligazóns externas
- Galicia Encantada. Páxina que recolle moito material de todo o país, clasificado por varias categorías: temas, lugar de recollida, etc.