Urco
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Urco é unha figura mitolóxica existente en Galicia. É un animal fantástico, especie de can negro, de extraordinarias proporcións, con cornos e orellas longas, a presencia do cal é considerada de mal agoiro. Segundo a mitoloxía popular, o urco habitaba nas orelas do río Lérez, nunha tebrosa paraxe que chamaban borrón. A lenda do urco deu lugar nos anos 1877 e 1878 á celebración duns festexos de Entroido en honra do fatídico monstro.
En Asturias existiu tamén a crenza no urco, pero no tocante a ese nome e a ese animal fabuloso di o mitólogo asturiano Constantino Cabal: «En tiempos antañones se debió llamar huerco todo lo que llegaba hasta nosotros como aviso de la tumba. Huerco, la sombra del futuro muerto; huerco, el ataúd en que se metía; huerco, el perro que aullaba por la noche...; y huerco, todo animal agorero de igual significación».
[editar] Descrición
O Urco é unha sorte de can de grande corpo, negro coma a noite e peludo tal que un castrón ; cunhas orellas moi cumpridas e uns cornos pequenos, ademais dun rabo mouro tamén como toda a pelaxe, semellante á do can, máis cunha presa de cabelos coma dun xeme de longo no cabo, imitante a un pincel.
O Urco non adoita verse doadamente - e máis vale así - pois agáchase nas fochas entre os penedos das ribeiras do mar, e a súa presencia coñécese polo seu oubeo. Porque este oubeo é coma un forte e chión asubío laioso, que parece que, ó se escoitar, xea o sangue nas veas e estarrece o corpo todo nun arreguizo de pavura, coma se a un lle chantasen un coitelo no peito. E ten que ser así, porque sempre que o laio mendoñento de tal oubeo se deixou ouvir, aconteceu unha desgracia: alguén morreu sen se saber como nin por que, pois aparentemente os accidentes non tiñan explicación posible.
[editar] Ligazóns externas
- Galicia Encantada. Páxina que recolle moito material de todo o país, clasificado por varias categorías: temas, lugar de recollida, etc.