Saudade
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Saudade é unha especie de vaga lembranza nostálxica e cariñosa dun ben especial que está ausente, acompañado dun desexo de volver a velo ou posuílo. É unha única palabra para designar todas as variedades dese sentimento. Aínda que moi semellante á morriña, diferénciase desta en que non require un afastamento físico do obxecto amado, e nin sequera que este sexa algo concreto.
Este termo é case exclusivo do vocabulario da lingua galega e da portuguesa. A palabra vén do latín "solitas, solitatis" (soidade), posiblemente influída polos termos "saúde" e "saudar".
No fado, e en xeral na música popular galegoportuguesa, a saudade e a partida son temas constantes. Múltiplos artistas galegos incluíron este tema nas súas obras; entre eles cabe citar a Rosalía de Castro, Ramón Piñeiro (autor do libro "Filosofía da saudade") ou Eduardo Pondal.
Castelao, no seu libro Sempre en Galiza, analiza tamén este sentimento "tan galego".