Trastornos da linguaxe
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A definición e clasificación desta patoloxía da comunicación varían en función dos diferentes autores. Pódese afirmar, en xeral, que as alteracións, anomalías, perturbacións ou trastornos da linguaxe dificultan, de xeito máis ou menos persistente, a comunicación lingüística, afectando non só a aspectos lingüísticos (fonolóxicos, sintácticos ou semánticos, tanto no nivel de comprensión –descodificación– como de expresión ou produción-codificación), senón tamén intelectuais e da personalidade, interferindo nas relacións e rendemento escolar, social e familiar dos individuos afectados.
As primeiras clasificacións incluían baixo a denominación de ‘trastornos da linguaxe’ unicamente as discapacidades referentes á función motora dos órganos vocais, excluíndo así perturbacións centrais, como a afasia. Noutro extremo sitúanse os que inclúen baixo o concepto tódas as discapacidades físicas e mentais que obstaculizan a comunicación verbal, incluíndo a esquizofrenia, a condición de xordo ou hipoacúsico, o padal fendido ou alteracións na lectura e na escritura, como a dislexia e a disortografía.
Unha posición máis moderada consideraría como trastorno da linguaxe as perturbacións referidas especificamente á produción e á recepción da fala, condicións que exclúen as anomalías da linguaxe que son consecuencia doutras desordes, como as características da esquizofrenia (VER modificacións da linguaxe nos alienados). Tamén se excluirán os que son máis propios de trastornos da voz (disfonías e fenopatías), aínda que poden ser incluídas aquelas alteracións que, a pesar de seren consecuencia doutras síndromas clínicas, poden ser recuperables, ou aquelas que son en parte consecuencia de trastornos propios da linguaxe.
A orixe dos trastornos da linguaxe pode ser variada. En xeral, cando a causa pode remitirse a unha lesión ou disfunción cerebral ou do sistema nervioso, emprégase o termo orgánico, e, se non é posíbel descubrir causas similares ás mencionadas, considéranse trastornos funcionais (é necesario mencionar que poden ser causa de trastorno funcional tumores cerebrais, lesións obstétricas, enfermidades infecciosas do tipo meninxite, feridas craniais, etc.).
Tratando de unificar criterios referidos na variedade de taxonomías existentes, e co fin de proporcionar un coñecemento xenérico, podemos clasificar os trastornos da linguaxe en:
- A. Trastornos orgánicos: P. Broca e C. Wernicke foron pioneiros no estudo dos trastornos da linguaxe co obxectivo de localizar as áreas cerebrais especificamente relacionadas coa linguaxe. As primeiras investigacións revelaron que as áreas sede das funcións da linguaxe sitúanse no hemisferio esquerdo (VER lateralización), próximas á unión dos lóbulos temporal, frontal e parietal. As lesións na área de Broca, situada na circunvolución inferior do lóbulo frontal esquerdo, provocan trastornos da linguaxe, motores e expresivos. As lesións na área de Wernicke, situada na circunvolución superior do lóbulo temporal esquerdo, producen trastornos de tipo receptivo ou sensorial, é dicir, que afectan á expresión da linguaxe. Dentro dos trastornos orgánicos pódense incluír:
- 1. Afasia:
- a) afasia receptiva/sensorial de Wernicke (xordeira verbal ou agnosia auditiva, cegueira verbal/alexia ou agnosia visual),
- b) afasia expresiva ou motora de Broca (apraxia ou dispraxia),
- c) afasia mixta (agnosia e apraxia),
- d) afasia evolutiva ou do desenvolvemento (afasia expresiva do desenvolvemento e afasia sensorial do desenvolvemento).
- 2. Alalia.
- 3. Disartría.
- 1. Afasia:
- B. Atraso na adquisición da linguaxe.
- C. Trastornos funcionais ou articulatorios:
- 1. Dislalia.
- 2. Disfemia ou tartamudez.
- D. Trastornos, non atribuíbles a disfuncións, asociados a cadros clínicos:
- 1. Autismo.
- 2. Deficiencia mental.
- 3. Mutismo electivo.
- 4. Parálise cerebral.
- E. Dislexia; disgrafía; disortografía.