Solidaritat Catalana
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Solidaritat Catalana (1906-1909) foi un movemento unitario de grupos e partidos catalanistas xurdida a raíz da "Lei de Xurisdicións" de marzo de 1906.
O proxecto de lei de xurisdicións que poñía baixo competencia militar calquera ofensa ó exército ou á unidade da patria española axuntou os políticos catalanistas nunha fronte común á que se denominou Solidaritat Catalana.
O manifesto da Solidaritat Catalana que se publicou o mesmo día que se aprobaba a lei de xurisdicións, chamaba ós cataláns a recibir os deputados de Cataluña que viñan de Madrid para homenaxealos e manifestar o rexeitamento popular á lei.
A fronte formada por rexionalistas, republicanos, carlistas, federais e nacionalistas de esquerdas, sufriu os seus altos e baixos ata desaparecer cos feitos da Semana Tráxica (1909).
Nas eleccións a Cortes de 1907, a victoria electoral de Solidaritat que agrupaba a todos os partidos cataláns con excepción dos lerrouxistas puxo fin ó caciquismo en Cataluña e permitiu que Enric Prat de la Riba presidise a Deputación de Barcelona.
As dúas figuras máis representativas da Solidaritat Catalana foron Francesc Cambó (1876-1947) e Enric Prat de la Riba (1870-1917). Prat de la Riba en "La nacionalitat catalana" (A nacionalidade catalá) publicado en 1906 defende a constitución dun Estado catalán dentro dunha Federación española. Foi o artífice da Mancomunidade de Cataluña en 1914, a primeira reunificación catalá desde a división provincial de Javier de Burgos.
Na estela do triúnfo electoral da Solidaritat Catalana, no verán de 1907 formarase en Galicia unha formación agraria e rexionalista baixo o nome de Solidaridad Gallega.
[editar] Ligazóns externas
- Manifesto da Solidaritat Catalanact:Solidaritat Catalana