Sincronía
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
En Lingüística pódense adoptar dous puntos de vista diferentes e complementarios cando se analizan feitos de lingua:
- o enfoque chamado diacrónico interésase na historia da lingua e estuda as súas evolucións (etimoloxía, evolucións fonéticas, semánticas, léxicas, sintácticas, etc.). O termo é un préstamo culto construído sobre raíces gregas, δια-, «a través», e χρόνος, «tempo»; a Lingüística comparada, por exemplo, ten un enfoque diacrónico;
- o enfoque chamado sincrónico interésase nunha lingua nun momento preciso da súa historia; a palabra fabricouse tamén a partir de dous termos gregos: συν-, «con», χρόνος, «temps». A gramática escolar é esencialmente sincrónica: indica cales son as normas consideradas como regras dunha lingua, que poden ter mudado desde estados anteriores.
Sincrónico é equivalente a estático, diacrónico éo a evolutivo ou histórico. Son dúas perspectivas diferentes á hora de observar unha mesma realidade: o sistema nun momento dado e o sistema en desenvolvemento, inda que, se se ten en conta o carácter parcialmente innovador de todo acto lingüístico, só existe o aspecto diacrónico, mentres que o aspecto sincrónico é unha abstracción científica necesaria para estudar como funciona a lingua. Ó aspecto sincrónico correspóndelle a disciplina denominada gramática e que, en sentido amplo do termo, é a descrición do sistema da lingua; ó aspecto diacrónico correspóndenlle a gramática histórica e a historia da lingua.
A oposición entre sincronía e diacronía así como estes dous termos nesta acepción debémosllos a Ferdinand de Saussure, primeiro lingüista que separou claramente os dous puntos de vista.
Esta oposición é frutífera tamén en filosofía, onde foi explotada entre outros por Barthes e Sartre.