Quintana Redonda
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Quintana Redonda é un pequeno concello da provincia de Soria, en España, cuns 391 habitantes censados.
[editar] Xeografía
Quintana Redonda agrupa, ademais do eu núcleo principal, outros once lugares ou barrios: La Barbolla, Las Cuevas de Soria, Fuentelaldea, Fuentelárbol, Izana, Los Llamosos, Monasterio, La Revilla de Calatañazor, La Seca e Ventosa de Fuentepinilla.
Está situado o concello a uns vinte quilómetros da capital provincial, en dirección sudoeste, cara a Berlanga de Duero.
É unha zona bastante cha, aínda que a unha altitude de 1000m. A paisaxe ten agras, ermos, e bosques de piñeiro, carballo e aciñeira, onde se acubillan unha gran variedade de especies animais. Porén, no que máis destaca o concello é na súa produción micolóxica e na alfarería, confeccionada cunha peculiar arxila negra.
O río Izana cruza o concello. Tamén ten estación de tren.
[editar] Xente e historia
Ademais dos comúns xacementos prehistóricos e dunha vila romana, no concello hai seis igrexas románicas dignas de mención, como a da Nosa Señora da Asunción, e un pazo brasonado pertencente á familia González de Gregorio. O persoeiro máis importante que saíu de Quintana Redonda foi Miguel de Antona, o Velasquillo, que foi bufón na corte do rei Filipe II de España.
O núcleo de Quintana Redonda ten ademais un histórico frontón castelán, coas dúas fachadas practicables, que estivo ameazado de derrubamento nos anos noventa.
As festas principais do concello están dedicadas a San Xoán e Santo Urbano, o 24 e 25 de xuño, ademais do San Roque e a Virxe de agosto.
O alcalde saído das eleccións municipais de 2003 é Evaristo Manrique, do Partido Popular.