Orizo cacho
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ourizo cacho | ||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
Nome científico | ||||||||||||
Erinaceus europaeus | ||||||||||||
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos |
O orizo cacho, ourizo cacho ou ourizo cacheiro (Erinaceus europaeus) é un mamífero insectívoro que abunda nas fragas galegas e nas pradarías que teñen arbustos, sebes e valados onde agocharse.
Índice |
[editar] Descrición física
Os adultos poden chegar a pesar máis dun quilo. A súa característica máis rechamante son as pugas ou puntas de que está revestido. Os músculos cutáneos permítenlle envolverse e formar unha bóla de pugas contra a que os seus inimigos naturais son impotentes. Ás veces é presa de cans, raposos, porcoteixos, lamotes ou coruxas.
Non teñen pescozo e os seus ollos son pequeniños. As orellas son redondeadas e o fociño aguzado. A súa dentamia componse de 36 pezas. As súas catro patas son curtas, teñen 5 dedos e están providas de fortes unllas. Ten un rabiño pequeno. Os machos son máis grandes que as femias, e o abdome é dunha cor parda máis clara que as pugas. As femias poden ser tamén da cor da cinza.
Son animais lentos, aínda que poden apurar o paso. Camiña moito e sabe nadar. No caso de presentir perigo tenden a inhibirse e enrodelarse sobre si mesmos. Emite sopridos e asobíos. O seu olfacto está moi desenvolvido.
[editar] Hábitat
Vive en bosques con abundante vexetación, pero sobre todo gusta de terreos con matogueiras, silveiras e arbustos. É un animal frecuente nos montes e aldeas de Galiza e nos arredores das vilas. En Inglaterra e noutros países europeos vive nas zonas periféricas das poboacións e mesmo nos xardíns das casas e nos parques urbanos.
O seu maior inimigo hoxe é o ser humano. Os pesticidas foron noutrora causa da súa morte. A mortandade accidental nas estradas e autovías galegas é hoxe o maior problema. Moita menor incidencia no descenso de exemplares téñena os seus depredadores naturais.
[editar] Alimentación
Procura xeralmente o alimento de noite, cando se mostra moito máis activo. Caza e come sobre todo insectos, pero pode alimentarse de caracois, limachas e mesmo ras. Esta dieta compleméntaa ás veces con ovos de aves que aniñan no chan, con landras, castañas e outros froitos e bagas. A súa actividade é sobre todo nocturna, polo que pode ser visto á tardiña. As luces dos coches céganos ou asústanos e ao se encoscaren son atropelados. Polo día está en niños inaccesibles, normalmente no medio de matogueiras densas ou silveiras nas que lle é doado introducirse. Ten sempre varios niños no seu territorio, mudando adoito de agocho.
[editar] Reprodución
Normalmente teñen dous períodos de celo, un cando comeza o bo tempo e outro entre agosto e setembro. A xestación dura uns dous meses. Poden chegar a ter cinco ou seis crías, que ao primeiro son de cor rosa e nacen cegas. Non abren os ollos ata a idade de dúas semanas. Aos tres días dispoñen de pinchos que se van endurecendo pouco a pouco. Maman uns vinte días e a partir do mes acompañan á nai nas súas saídas e exploracións. A partir das cinco ou seis semanas independízanse. A madurez sexual chégalles aproximadamente aos dez meses.
O ano dos orizos cachos dívídese nun período de actividade entre abril e novembro e un período de hibernación que pasan nos seus niños cando comeza a facer frío. Espertan coa primavera cando soben as temperaturas.