Normativa oficial do galego - O artigo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Índice |
[editar] 14. O artigo
[editar] O artigo determinado
[editar] Formas
O artigo determinado presenta en galego as seguintes formas:
MASCULINO | FEMININO | |
---|---|---|
SINGULAR | o | a |
PLURAL | os | as |
Existe tamén unha variante alomórfica lo, la,los, las, que é de uso obrigatorio tras da preposición por (vai polo carreiro) e do adverbio u (ant. *ub) (u-lo libro?).
Ademais de nos casos mencionados, pódense representar na escrita as variantes lo, la, los las nos seguintes contextos:
a) Despois de infinitivo, das formas verbais conxugadas que rematenen -r ou -s e dos pronomes enclíticos nos, vos e lles: vou colle-las laranxas, perdíche-los cartos, collémo-lo saco, ti e-lo demo, xa sábe-lo que pasou, tomóuno-lo pelo, dóuvo-la boneca, quitóulle-las ganas de rir.
b) Despois dos pronomes tónicos nós e vós cando van seguidos dunha precisión numérica: nó-los dous, vó-los sete.
c) Despois de ambos, entrambos e todos, cos seus femininos, da preposición tras, da conxunción copulativa (e) mais: ámbalas dúas, fixérono entrámbolos dous, tódolos días e tódalas noites, estalle tralos montes de acolá, fomos eu e mailo fillo do señor Miguel.
A asimilación indicada en a) e b) pode non darse se despois da palabra rematada en –r ou en -s hai unha pausa.
Aínda que non se represente graficamente, a única pronunciación recomendable é a que reproduce a segunda forma nos contextos sinalados: vender a casa [ben’dela’kasa].
[editar] Contraccións
[editar] Contraccións coas preposicións
As preposicións a, con, de e en contraen co artigo
Artigo Preposición |
O | A | OS | AS |
---|---|---|---|---|
A | ao / ó | á | aos / ós | ás |
CON | co | coa | cos | coas |
DE | do | da | dos | das |
EN | no | na | nos | nas |
O encontro da preposición a co artigo masculino o(s) resólvese graficamente como ao(s) ou ó(s). A pronuncia correcta, sexa cal for a súa presentación, é [ɔs], que é a única que se rexistra en practicamente todo o dominio lingüístico galego.
Para a concorrencia da preposición por cos artigos determinados, vide 14.1.1.
Estas contraccións realízanse tamén cando o artigo dos topónimos vai precedido dunha destas preposicións: veño da Coruña, estou na Pobra do Caramiñal, vou ao Carballiño.
Estas contraccións non se realizan cando a preposición non rexe o substantivo determinado polo artigo: antes de os galos cantaren.
[editar] Encontro do artigo coa conxunción comparativa ca
O encontro da conxunción comparativa ca co artigo determinado represéntase ca o(s), ca a(s) ou có(s), cá(s): é máis ruín ca o / có demo, Betanzos é máis pequeno ca a / cá Coruña, aínda que a pronuncia xeral é [kɔ], [ka].
De adoptárense as formas contractas, escríbense con acento para marcar a diferenza de articulación entre co (con + o) e có (ca + o), cos e cós, ca (conxunción) e cá (ca + a), cás. Así, debemos escribir dálle co meu, pero é máis grande có meu; é máis vello ca min, pero é máis vello cá miña, etc.
Cando a conxunción vai seguida da preposición a non se representa a contracción na lingua escrita, aínda que de feito se realice na fala: quéreme máis a min ca a ti. Consecuentemente, tampouco se representa a contracción cando a preposición vai contraída co artigo: quérolle ao meu fillo máis ca ao de ninguén, caeulle máis auga á nosa ca á deles.
Cómpre sinalar que nos estamos a referir só ás contraccións da conxunción comparativa ca, non ás de que, que non se representan nunca na lingua escrita, nin cando ten valor comparativo nin con calquera outro: sábeme mellor a laranxa que o limón, deilles aos meus nenos máis que aos de Felisa, díxome que o teu é peor, é máis novo do que o meu.
[editar] O artigo indeterminado
[editar] Formas
O artigo indeterminado presenta as seguintes formas:
MASCULINO | FEMININO | |
---|---|---|
SINGULAR | un | unha |
PLURAL | uns | unhas |
[editar] Contraccións
As preposicións con, de e en contraen co artigo indeterminado:
ART. PREP. |
UN | UNHA | UNS | UNHAS |
---|---|---|---|---|
CON | cun | cunha | cuns | cunhas |
DE | dun | dunha | duns | dunhas |
EN | nun | nunha | nuns | nunhas |
Se a preposición non forma parte da mesma frase ca o artigo, non se realiza a contracción: de un médico estar alí, salvaríalle a vida (= de estar alí un médico, salvaríalle a vida).
Para a resolución dos encontros das preposicións con, de e en co numeral e indefinido un, véxase 15.4.3 e 16.1.