Moshé Dayán
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Moshé Dayán (Degania Alef 1915 – Tel Aviv 1981) foi un líder militar e político israelí.
Moshe Dayan naceu no kibbutz de Palestina, entón aínda parte do Imperio Otomano. Aos 14 anos ingresou na Haganah, quedou moi influído polas ensinanzas militares do oficial inglés prosionista, Orde Wingate cando Dayán era sarxento tras ingresar nunha academia militar británica en Bulgaria. En 1939 as autoridades británicas ilegalizan a Haganah e Dayán foi arrestado, liberado en 1941 únese ás forzas aliadas, destinado nunha división australiana en Siria, perde o ollo dereito nunha operación militar contra os franceses.
En 1948 participou na guerra de independencia israelí como xefe de defensa do val do Xordán. En 1953 asumiu o posto de Xefe de Estado Maior do Exército Israelí. En 1956 mandou a operación militar sobre a península do Sinaí e a franxa de Gaza durante a crise da canle de Suez. En 1958 deixou o exército para dedicarse á política, entrou no MAPAI liderado por David Ben-Gurion, foi ministro de agricultura ata 1964. En xuño de 1967, durante a terceira guerra árabe-israelí foi nomeado ministro de Defensa, e comandou as operacións da guerra dos seis días. O seu prestixio declinou en outubro de 1973 cando Exipto e Siria atacaron Israel por sorpresa e desencadenaron a guerra do Yom Kippur.
En 1978, foi nomeado ministro de exteriores por Menachem Begin, o que os seus antigos compañeiros do Partido Laborista viron como unha traizón, pero foi un dos arquitectos dos acordos de Camp David, asinados ao ano seguinte por Exipto e Israel. Dayán dimitiu en outubro de 1978 tras un enfrontamento con Begin sobre os territorios ocupados, e fundou un novo partido, Telem, que defendía a cesión incondicional e unilateral dos territorios ocupados.