Lance Armstrong
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Lance Armstrong (nacido o 18 de setembro de 1971 en Plano, Texas) é un ciclista norteamericano retirado. É especialmente coñecido por, despois de ter superado un cancro de testículos (diagnosticado en 1996), se-lo único ciclista do mundo en gañar 7 Tours de Francia. Fíxoo de forma consecutiva (dende 1999 ata 2005).
Fóra do ciclismo, é coñecido tamén por ter creado a Fundación Lance Armstrong para apoio ós enfermos de cancro. Unha das iniciativas máis famosas desta fundación foron as pulseiras amarelas Livestrong, coas que obtiveron decenas de millóns de dólares que destinaron á loita contra a enfermidade.
Índice |
[editar] Vida
[editar] Comezos
Armstrong comezou a competir xa á idade de 14 anos como triatleta, pero pronto fíxose evidente que o seu destino estaba no ciclismo. Con só 17 anos, foi invitado polo Equipo Ciclista Xuvenil dos EEUU, co que abandonou a súa cidade natal.
En 1991, Armstrong gañou o campionato amateur dos Estados Unidos; ó ano seguinte, fíxose profesional. Foi o último na súa primeira carreira ciclista, a Clásica de San Sebastián. Tan só un ano máis tarde, convertiuse no campión do mundo en estrada en Oslo (Noruega).
Entre 1993 e 1995, Armstrong gañou varias etapas no Tour de Francia e varias carreiras de un só día. Pero 1996 foi un ano de verdadeiros fracasos para el, tanto no Tour coma nos Xogos Olímpicos.
[editar] Cancro
O 2 de outubro de 1996, diagnosticáronlle tres cancros nos testículos que xa crearan metástase, estendéndose cara ós pulmóns e o cerebro. As súas probabilidades de supervivencia eran inferiores ó corenta por cento (algo que posteriormente desmentiron os propios doutores, pois non ascendían a máis do 3%).
Como consecuencia desta enfermidade, a Armstrong houbéronlle de extirpa-lo testículo dereito, solucionar dúas lesións cerebrais e someter a un tratamento de quimioterapia. Este último foi máis suave do habitual para permitir unha eventual continuación da súa carreira ciclista en caso de recuperación.
E esta produciuse cedo. Armstrong voltou ó ciclismo co equipo ciclista United States Postal Service e quedou de cuarto na Vuelta a España no ano 1998.
[editar] Éxito
En 1999, Armstrong gaña o seu primeiro Tour de Francia. A este seguíronlle seis trunfos máis, na maior parte dos cales superou en máis de seis minutos ó segundo. Só en 2003 correu un verdadeiro risco, pois Jan Ullrich ameazou a súa vitoria ata o último momento (de feito, ó final a diferenza entre ambos era escasamente superior ó minuto).
[editar] Motivos do seu éxito
[editar] Firme metodoloxía de adestramento
Lance Armstrong é especialmente conocido por terse centrado todo o ano no Tour de Francia, levando a cabo continuos adestramentos non só en Estados Unidos senón tamén en España ou nos escenarios da carreira en Francia.
[editar] Forma de correr e características físicas
Armstrong ten un corpo especialmente adecuado para a práctica do ciclismo. O seu elevadísimo nivel de resistencia aeróbica permitiulle manter unha cadencia próxima ás 120 pedaladas por minuto. Isto dá lugar a que a súa velocidade se deba ó número de pedaladas e non á forza que lle imprime a cada unha, co que consegue mellores resultados con menor fatiga ca outros campións coma, por exemplo, Miguel Indurain.
O corazón de Armstrong é un 30% máis grande cá media; cando está en reposo, dá entre 32 e 34 latidos por minuto; nun momento de máximo esforzo, pode chegar ás 201 pulsacións por minuto. A súa acumulación de ácido láctico é de 6μL/Kg (cando o normal entre ciclistas é situarse entre 12 e 20). Como resultado disto, Armstrong sente menos fatiga tras un exercicio prolongado.
[editar] O seu equipo
Un dos factores máis importantes dentro do éxito de Armstrong é o seu equipo. Por un lado, Johan Bruyneel, o seu director, organizou tódalas preparacións do ciclista de cara ó Tour de Francia e axudouno durante as súas sete victorias. Por outro, os demais corredores do equipo adícanse únicamente á sua victoria e supuxeron, ó longo dos sete Tours de Armstrong, un gran apoio para el.
[editar] Dúbidas sobre dopaxe
Armstrong, como ciclista, non se librou de numerosas acusacións de dopaxe. El sempre afirmou que era o atleta ó que máis controis se lle facían e dixo que as acusacións non se debían máis que a envexa polos seus trunfos.
A Armstrong nunca se lle atoparon substancias dopantes en ningún control de ningunha carreira ciclista. Só en 1999 os seus niveis dunha destas substancias superaban o normal, pero non eran suficientes para formalizar unha acusación. En 2005, o periódico francés L'Équipe dixo basearse en probas da Unión Ciclista Internacional para afirmar que Armstrong se dopaba; como resposta, este decidiu voltar ó ciclismo (xa pretendera retirarse en 2005) e correr o Tour de 2006 para "fastidiar os franceses".
[editar] Mulleres e fillos
Lance Armstrong casou con Kristin Richard en maio de 1998 e tiveron tres fillos: Luke (nado en outubro de 1999) e as xemelgas Isabelle e Grace (nadas en novembro de 2001). En setembro de 2003, divorciouse.
Despois disto, Armstrong tivo un romance con Sheryl Crow. A súa relación anunciouse en xaneiro de 2004; o seu compromiso, en setembro de 2005; a súa ruptura, en febreiro de 2006.
[editar] Equipos
- 1991-1992: Equipo nacional dos Estados Unidos
- 1992-1996: Motorola
- 1997: Cofidis
- 1998-2002: US Postal Service
- 2003-2004: US Postal Service presented by Berry Floor
- 2005: Discovery Channel Pro Cycling Team
[editar] Palmarés
- 1992
- First Union Grand Prix
- GP Sanson
- Fitchburg Longsjo Classic (clasificación xeneral e etapa)
- Thrift Drug Classic
- Vuelta La Riberia (clasificación xeral e tres etapas)
- Trittico Premondiale (unha etapa)
- 1993
- Campionato do Mundo
- Campionato dos Estados Unidos
- Oitava etapa do Tour de Francia.
- Tour de America (clasificación xeral)
- Volta Ciclista a Galicia
- Trophée Laigueglia
- Unha etapa do Tour DuPont
- Unha etapa da Volta a Suecia
- Kmart West Virginia Classic (clasificación xeral e dúas etapas)
- Thrift Drug Classic
- 1994
- Thrift Drug Classic
- Unha etapa do Tour DuPont
- 1995
- Etapa 18 do Tour de Francia
- Clásica de San Sebastián
- Quinta etapa da París-Niza
- Tour duPont (clas. xeral e 3 etapas)
- Kmart West Virginia Classic (clas. xeral e unha etapa)
- Tour of America (clas. xeral)
- 1996
- Tour DuPont (clas. xeral e 5 etapas)
- A Frecha Valona
- 1998
- Rheinland-Pfalz Rundfahrt (clas. xeral)
- Tour de Luxemburgo (clas. xeral e 1 etapa)
- Cascade Classic
- 1999
- Tour de Francia (clas. xeral e 4 etapas; o seu primeiro Tour)
- Prólogo da Dauphiné Liberé
- Route du Sud (cuarta etapa)
- Circuit de la Sarthe (cuarta etapa)
- 2000
- Tour de Francia (clas. xeral e 1 etapa)
- GP des Nations
- GP Eddy Merckx
- Terceira etapa da Dauphiné Liberé
- Medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Sydney en contrarreloxo masculina.
- 2001
- Tour de Francia (clas. xeral e 4 etapas)
- Tour de Suíza (clas. xeral e 2 etapas)
- 2002
- Tour de Francia (clas. xeral e 4 etapas)
- Sexta etapa da Dauphiné Libéré
- GP du Midi-Libre
- 2003
- Tour de Francia (clas. xeral, 1 etapa, contrarreloxo por equipos)
- Dauphiné Libéré (clas. xeral, terceira etapa)
- 2004
- Tour de Francia (clas. xeral, 5 etapas, contrarreloxo por equipos)
- Tour de Georgia (clas. xeral, 2 etapas)
- Quinta etapa do Tour du Languedoc-Roussillon
- Cuarta etapa da Volta ao Algarve
- 2005
- Tour de Francia (clas. xeral, 3 etapas, contrarreloxo por equipos)