Escrita chinesa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A escrita chinesa é un sistema de escrita vello de case 4000 anos. É un sistema logográfico que emprega un número de signos moi grande, chamados caracteres, que representan palabras ou morfemas individuais. Este sistema servíu como forza unificadora durante a historia de China pois é independente das realizacións orais. Desde a época da dinastía Quin en diante utilizouse unha lingua escrita padrón (nun principio chinés clásico e logo chinés vernáculo) como intermediario entre os diferentes dialectos chineses.
[editar] Padróns escritos
A escrita chinesa pódese clasificar dentro destes tipos básicos:
- Wenyan (文言) (chinés clásico)
- Baihua (白話/白话) (chinés vernáculo)
- Chinés coloquial escrito (en concreto cantonés coloquial escrito)
- Poemas e outros escritos limitados
A relación entre a lingua chinesa falada e a escrita é complexa. Esta complexidade viuse agravada polo feito de que as numerosas variedades de chinés falado teñen experimentado séculos de evolución desde, cando menos, finais da dinastía Han; porén, o chinés escrito mudou moito menos.
Até o século XX, a maior parte dos escritos redixíanse en wenyan, que é o que denominamos chinés clásico ou literario. A diferenza coas variedades faladas é como a que existe entre o latín clásico e as linguas romances. Os caracteres máis próximos da lingua oral utilizábanse en obras informais, tais como novelas dialogadas.
Desde o Movemento do catro de maio de 1919, o padrón formal do chinés escrito mudouse para baihua ou chinés vernáculo que, ainda que non se corresponde exactamente coa gramática e vocabulario do mandarín falado moderno, baseábase moito nel. O termo "chinés escrito padrón" refírese actualmente a chinés vernáculo. Ainda que non se escreba apenas en chinés clásico, ainda se ensina en secundaria na China e haise que examinar del para o acceso á universidade. Ás veces inclúense formas en chinés clásico en obras escritas para lles dar un ton formal ou arcaizante.
Os caracteres chineses enténdense como morfemas independentes da mudanza fonética. Así, aínda que o número un se lea "yi" en mandarín, "yat" en cantonés e "tsit" en hokkien, estas formas derivan dunha mesma palabra en chinés antigo e aínda comparten o mesmo carácter: 一. Porén, as ortografías destes dialectos chineses non son idénticas. Os vocabularios empregados son tamén diferentes. Ademais, aínda que o vocabulario literario se comparta entre todos os dialectos (cando menos na ortografía, lido é diferente), os vocabularios coloquias difiren con frecuencia. O chinés escrito coloquial implica normalmente a utilización de "caracteres dialectais" que poden non ser comprendidos noutros dialectos ou caracteres que se consideran arcaicos en baihua.
O cantonés pode ilustrar a complexa interacción entre a lingua chinesa escrita e falada. Os falantes de cantanós aprenden chinés escrito padrón na escola ainda que a súa gramática e vocabulario estexan baseados nos do mandarín. Na maioría das súas comunicacións escritas, os falantes de cantonés escriben en chinés escrito padrón, de maneira que os falantes de mandarín normalmente poden ler sen máis problema. Ademáis, cada carácter de chinés escrito padrón ten unha pronuncia cantonesa correspondente, de maneira que todo o escrito pode ser lido en voz alta en cantonés. E porén isto non é o mesmo que cantonés falado. O cantonés falado coloquialmente mostra unha gramática e vocabulario lixeiramente diferentes que, se se transcreben, resultarálle difícil de ler a un mandarín. O chinés escrito padrón funciona basicamente como un rexistro diferente para os falantes de cantonés porque normalmente non escriben tal e como falan. O chinés escrito padrón lido en voz alta utilizando a pronuncia cantonesa (normalmente coa substitución de palabras coloquias) sirve como un acrolecto que se utiliza nas noticias e outros contextos formais.
Existe, porén, un cantonés coloquial escrito. O cantonés disfruta, entre outras linguas rexionais non mandarinas, dun padrón coloquial escrito amplamente utilizado. Isto débese en parte ao feito de que Hong Kong, unha cidade moi grande de fala cantonesa, estivo fora do control chinés durante máis de cen anos, antes de que o Reino Unido a devolvese á República Popular China en 1997. Pola contra, as demáis linguas rexionais non gozan da existencia de padróns escritos alternativos aceptados por unha maioría. O cantonés coloquial escrito tense feito moi popular na prensa, e nos chats e mensaxería instantánea de Internet. Mesmo así, os falantes de cantonés utilizan chinés escrito padrón na maior parte das súas comunicacións escritas.
Como noutros aspectos da lingua chinesa, o contraste entre os diferentes padróns escritos non é estrito e existe un continuum aceptábel socialmente de padróns escritos. Por exemplo, ao escribir unha carta de amor informal, pódese utilizar baihua informal. Ao escribir un artigo de prensa, a lingua utilizada é diferente e comeza a incluir aspectos de wenyan. Ao escribir un documento ceremonial, utilizarase ainda máis wenyan. A lingua utilizada no documento ceremonial pode ser completamente diferente da da carta de amor, mais hai un continuum entre os dous. O wenyan puro, sen embargo, apenas se usa.
[editar] Caracteres chineses
Artigo principal: Carácter chinés
O sistema de escrita chinés é fundamentalmente logográfico, isto é, cada carácter (grafema) expresa unha parte monosilábica duha palabra ou morfema. A isto contribúe o feito de que máis do 90% dos morfemas chineses son monosibálicos. A maioría das palabras modernas, porén, son multisilábicas e multigráficas. As palabras multisilábicas teñen un logogramo diferetne para cada sílaba.
A lingua chinesa escrita emprega os caracteres Han (漢字/汉字 pinyin hànzì), que levan o nome da cultura á que se lle atribúen. Os caracteres chinese parece que apareceron durante a dinastía Shang como pictogramas que mostraban obxectos concretos. Os exemplos máis antigos aparecen nos osos de oráculo, empregados para a adivinación. Durante as dinastías Zhou e Han, os caracteres fóronse estilizando. Comezáronse a utilizar signos abstractos, como os que indican arriba e abaixo, así como caracteres combinados. Por exemplo, a palabra "rén" (in pinyin), que significa "persoa", é o pictograma dun home; "confianza" é a combinación de "home" e "fala/palabra". Tamén se engadiron componentes adicionais, de maneira que moitos caracteres conteñen un elemento que fornece (daquela, polo menos), unha indicación da pronuncia, e outro componente (o chamado "radical") que indica a categoría xeral do significado ao que pertence o carácter. Nas linguas chinesas actuais, a maioría dos caracteres teñen unha base fonética máis do que logográfica. Un exemplo sería o carácter para a palabra 按 àn, que significa "presionar". Contén 安 ān (paz), que é o seu componente fonético e 手 shǒu (man), que indica que a acción é normalmente unha que se realiza utilizando a man. Estes caracteres que teñen ambos os dous componentes constitúen a maior parte do vocabulario chinés.
Moitos caracteres chineses derivan de outros; como resultado, algúns dicionarios clásicos conteñen referencias circulares a palabras con radicais e significados idénticos. Porén, o uso popular introduciu novos significados nestas palabras redundantes. hai tamén palabras "emprestadas" (isto é, con significados adicionais) porque son semellante foneticamente a outra cousa que non ten un carácter escrito asignado.
Téñense desenvolvido moitos estilos de caligrafía chinese ao longo da historia, tal e como o zhuanshu (篆書, escrita dos selos), caoshu (草書, escrita da erba), lishu (隸書, escrita oficial) e kaishu (楷書, escrita padrón).
No Xapón e Corea adoptáronse os caracteres Han e integráronse nas linguas respectivas, co que naceron as escritas Kanji e Hanja. No Xapón o Kanji ainda fai parte integral do seu sistema de escrita; porén, en Corea diminiu e non se utiliza en absoluto en Corea do Norte.
No campo da internacionalización do software e das comunicacións, o termo CJK inclúe o chinés, o xaponés e o coreano e CJKV, máis raro, tamén ao vietnamés. Todos son linguas de dobre byte, xa que teñen máis de 256 caracteres no seu "alfabeto". O procesamento informático dos caracteres chineses implica problemas específicos tanto na forma de introducir os caracteres no ordenador como na súa codificación, xa que os teclados normais de pouco máis de cen teclas non permiten introducir tantos caracteres premendo nunha única tecla.
[editar] Formas dos caracteres
Existen actualmente dous padróns para os caracteres chineses impresos. Un é o dos caracteres chineses tradicionais, empregada en Taiwan, Hong-Kong e Macau. Outra é a dos caracteres chineses simplificados, empregada en China e Singapur e desenvolta polo goberno da República Popular de China a meados do século XX. Tamén se crearon moitas versións simplificadas derivadas de simplificacións con certa tradición histórica, ainda que escuras. En Taiwan, empréganse algunhas simplificacións ao escribir a man mais os caracteres tradicionais son a norma ao imprimir. Ademáis, todos os chineses utilizan simplificacións propias.