Demostrativo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O demostrativo é unha subclase semántica inserida na clase de palabra dos determinantes e que se caracteriza por acobillar aqueles vocábulos que actúan como sinaladores ou mostradores, é dicir, vocábulos que serven para sinalar ou mostrar seres e entes, sen amentalos, situándoos no eixo espacial e/ou temporal.
A función principal do demostrativo no discurso é a deíxe.
[editar] Orixe
O paradigma do demostrativo latino, orixe do presente nas linguas romances, era máis amplo có das destas. Á parte dun sistema de tres elementos (HIC, HAEC, HOC / ĬSTE, ĬSTA, ĬSTUD / ĬLLE, ĬLLA, ĬLLUD), existía un demostrativo de identidade (IDEM, EADEM, IDEM), outro de identidade adversativa (IPSE, IPSA, IPSUD) e un anafórico (IS, EA, ID).
A mesma potencialidade expresiva e o moito uso dos demostrativos provocou a súa rápida evolución e a transformación do seu paradigma. O primeiro que se perdeu, xa no período posclásico, foi IS, substituído por HIC. Inmediatamente, o mínimo corpo fónico e a desvalorización semántica provocan a desaparición de HIC, do cal só quedan pegadas en vocábulos lexicalizados como HAC HORA > agora, HOC ANNO > hogano, PER HOC > pero.
Iniciada xa a reestruturación do sistema latino, ĬLLE pillou o valor anafórico de IS e HIC especializándose en dúas funcións, o pronome persoal de terceira persoa e o artigo.
No latín falado existía a tendencia a reforza-los demostrativos mediante IPSE ou antepondo a partícula ECCE. Así, xunto a ĬSTE, existía ECCISTE e, xunto a ĬLLE, ECCILLE. ECCILLE (> aquel) quedou como única forma deíctica ante o anafórico ĬLLE.
A desaparición de HIC fai que ĬSTE ocupe o primeiro chanzo da deíxe, dando lugar a un paradigma deíctico bimembre: ĬSTE (> este) / *ACCUĬLLE (> aquel). Esta é a realidade que aínda se mantén nalgunhas linguas romances.
Noutras linguas IPSE pasa a se-lo 2º chanzo deíctico, perdendo a posibilidade de expresa-la identidade, a cal se expresará grazas a reforzos como o a partícula MET: METIPSI(SSI)MUM > *medipsimu > medesmo > meesmo > mesmo.
[editar] Véxase tamén
- O demostrativo na Normativa oficial do galego
- O demostrativo no curso de galego de Galilibros