Complemento de réxime
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O complemento de réxime ou, na terminoloxía de Emilio Alarcos Llorach, o suplemento, é un sintagma preposicional seleccionado pola semántica dun verbo específico, e non é complemento circunstancial, directo, indirecto, axente nin atributo. A preposición que o introduce pode ser calquera, ata a. Recoñécese porque é conmutable ou substituíble por dita preposición máis pronome tónico:
- Conto con Luís = Conto con el.
- Acórdome de Pedro = Acórdome del.
- O can coida da casa = O can coida dela.
- Pregunto por Luísa = Pregunto por ela.
Existen dous tipos de complemento de réxime, o directo e o indirecto. Cando se dá o directo, non aparece complemento directo (casos anteriores); cando se dá o complemento de réxime indirecto, si aparece complemento directo; é máis, non pode suprimirse o complemento directo porque entón a frase queda "coxa":
- O camareiro limpa de cabichas (C. R. Ind.) o chan (C. D.)
- O camareiro limpa de cabichas...
O morfema se pode actuar como intransitivizador de verbos; cando iso ocorre, o verbo, no canto de ter complementos directos, pasa a ter complementos de réxime:
Pedro encontra patacas (C. D.)
Pedro encóntrase entre os mellores (C. R.).