Comarca dos Ancares
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os Ancares é unha comarca que toma o nome da serra que está situada na parte máis oriental da Galiza, nos límites con Asturias e O Bierzo. É unha zona montañosa que forma parte das serras orientais, que tamén inclúen a comarca da Fonsagrada (ao N) e O Courel (ao S). Os Ancares teñen 13.888 habitantes (datos de 2001), e uns 907 Km2, por tanto posúen unha baixa densidade poboacional.
Os concellos que conforman Os Ancares son Becerreá, As Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro. Nos Ancares hai importantes masas forestais de carballo e bidueiro, acompañados de abeleiras, cancereixos, acivros, pradairos e teixos. Tamén hai mato abondo, como é o caso das uceiras e piornais predominantes. A súa especial situación xeográfica fai que haxa especies ausentes no resto da Galiza, como é o caso do oso pardo, en vías de extinción, e a vulnerábel pita do monte.