Comarca do Salnés
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Salnés constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza, a grandes trazos está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas. Son nove os municipios que forman parte desta comarca: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia, hai un documento do século VI, “A Parroquial Sueva”, no que se fai mención da Comarca Saliniense.
Esta Comarca ten unha poboación de 104.139 habitantes, que se reparten nunha extensión de 265,81 km². A media anual de temperatura máxima é de 20ºC y de temperatura mínima 5°C.
Vilagarcía de Arousa é o seu principal núcleo de poboación e económico, se ben toda a súa costa presenta un elevado dinamismo económico e demográfico con importantes núcleos como Cambados, O Grove, Portonovo e Sanxenxo, que duplican a súa poboación durante os meses de verán.
Desde o punto de vista topográfico, o amplo e fértil val do río Umia ocupa boa parte da Comarca, delimitada por unha serie de rebordes montañosos de suaves pendentes y escasa altitude, entre os que destacan o Monte Xiabre ó norte e os Montes de Castrove no sueste, que constitúen excelentes miradoiros. Aínda que as especies arbóreas autóctonas desapareceron en grande medida, a repoboación forestal ten cubertos estes montes case na súa totalidade con piñeiros e eucaliptos. As “carballeiras, castiñeiros, ameneiros, bidueiros” e outros, aparecen moi illados nos vales de las terras baixas, entre las terras de labranza, viñedos e prados. O Val do Salnés ten a forma dun triángulo co vértice na vila de Caldas de Reis e a base nunha liña que iría de Carril á Lanzada. Nesta base asentan os centros de poboación máis importantes: Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo, que están comunicadas por unha rede de estradas.
Este Val do Salnés caracterízase por ter un relevo suave derivado do seu proceso de formación, no que o seu principal axente foi a acción erosionada do río Umia.
A súa costa é baixa e areosa, de apracibles e resgardadas praias, relacionadas na súa maioría con complexos dunares de grande desenvolvemento coma os da Lanzada.
Tamén se abren extensas enseadas que polas súas condicións de abrigo favoreceron a localización de varios portos.
Outro risco da paisaxe costeiro é a presenza de numerosas illas: A Arousa, A Toxa, Cortegada e outras de menor extensión.
A Comarca é berce de numerosos persoeiros entre os que cabe mencionar a Valle-Inclán, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, os irmáns Camba, Herminia Fariña… entre outros moitos.
A importante actividade pesqueira, industrial e turística constitúen os piares da súa economía, ó que haberá que engadi-la súa riqueza agrícola que acada o seu máximo expoñente no cultivo da vide, da que se elabora o prestixioso e afamado viño albariño baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Ademais da vide, tamén son importantes os cultivos en invernadoiro de flores e produtos hortícolas, que contan cunha lonxa en Ribadumia. Desde o punto de vista turístico, O Salnés é un dos lugares máis frecuentados polos turistas estivais de dentro e fóra de Galiza. As paisaxes, as praias, os monumentos, os viños e mariscos, o clima... son aspectos moi característicos e importantes nesta Comarca.