Cognado
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O cognado é o termo que se utiliza para denominar unha palabra dunha lingua que garda certo parecido e comparte significado cun vocábulo pertencente a outra lingua diferente. Por exemplo, encyclopaedia (en inglés) é un cognado de enciclopedia (en galego).
Os cognados poden ser rastros do parentesco que gardan distintas linguas, ou da influencia dunha lingua sobre outra. Poden xurdir como consecuencia do amoldamento de préstamos lingüísticos. Por exemplo, a maior parte dos miles de cognados que existen entre a lingua galega e a lingua inglesa son debidos a que foron asimilados polo inglés (procedentes dunha lingua románica como o francés) durante o século XIII cando Inglaterra perdeu Normandía e os normandos que gobernaban a illa británica, que ata entón falaban francés, comezaron a falar inglés. Neste caso, como en moitos outros, trátase da aprendizaxe imperfecta dunha segunda lingua e o recurso a termos da lingua natal o que provoca a aparición de cognados. O portugués que se fala en Brasil tamén asimilou un número considerable de palabras do inglés, diferenciándose así do portugués de Portugal en expresións como desapontado asimilado do inglés disappointed. Ambos son cognados.
Aprender vocabulario pode resultar bastante máis sinxelo aos estudantes de linguas se prestan atención aos cognados que existen entre a súa lingua materna e a lingua que están aprendendo. No entanto, os falsos amigos poden confundir ao estudante.