Castiñeiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O castiñeiro (Castanea sativa) é unha árbore caducifolia que enche os montes de Galicia. A súa forte aclimatación ás terras e condicións galegas poden facer pensar que é unha especie autóctona, pero en realidade o seu espallamento data da época romana. Moitos destes exemplares teñen unha longa historia que se pode remontar aos cen anos.
As follas son estreitas, alternas, con beira moi dentada, peludas no envés cando novas, miden entre 10 e 25 cm e teñen uns 20 pares de nervos.
Os froitos están recobertos por unha casca verde con espiñas (o ourizo) de até 4 cm. e preséntanse en grupos de dous ou tres. No interior atópanse de dúas a catro valvas.
A época da recollida das castañas é Novembro, e en Galiza celébrase co magosto.
As flores masculinas distribúense ao longo do eixo e as femininas (con sete a nove estilos) na base do amento, xeralmente en tríos dentro dunha roseta de espiñas.
A casca é lisa nos castiñeiros novos e esgrezada nos vellos.
Hoxe en día moitos destes soutos están a ser arrasados polos madeireiros, pois o valor da súa madeira é moi alto, para fabricar móbeis entarimados de chans, instrumentos, etc. Outra ameaza que sofre o castiñeiro é a "tinta", unha enfermidade causada por un fungo de orixe chinesa que ataca ás árbores pouco a pouco manchándolles a madeira e diminuíndo o seu valor comercial. En Galiza, a enfermidade entrou pola localidade leonesa de Bembrive, a través de camións que traían madeira contaminada. O Centro de Investigación Forestais de Lourizán investiga dende hai anos na creación dun híbrido resistente á enfermidade, para a súa implantación nas zonas de maior importancia industrial (Sul de Lugo e oriente de Ourense).
Outro dos aproveitamentos desta especie é a utilización do seu froito: empregouse tradicionalmente como fonte enerxética para a poboación en xeral, e mesmo como alimento para os animais (fundamentalmente porcos), mais perdeu o seu lugar de importancia na dieta cando chegou a pataca de América. Esta substitución e o papel alimenticio que tiña foron tan importantes que aínda hai hoxe lugares de Galiza onde lles chaman castañas ás "patacas" (igual que en francés se lles chama pommes-de-terre, "mazás da terra"). Cómese cocida ou asada durante o outono e é o produto resultado nas celebracións coñecidas como "magostos". O "marrón-glacé" é un dóce con receita francesa que aumenta enormemento o valor engadido. En Galiza só hai unha fábrica (en Ourense) deste produto e a castaña non se aproveita masivamente. Outros produtos tradicionais como a (augardente de castaña, crema de castaña, reaproveitamento de biomasa) non dan para frear a caída de produción e consumo desta especie que acompaña aos galegos desde hai dous milenios.