Canóns do Sil
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os Canóns do río Sil son unhas das paraxes máis impresionantes que se poden visitar na xeografía galega. Están situados preto da unión entre o río Sil, e o río Miño. Está cortado por numerosos encoros, que fornecen de auga e electricidade a boa parte da poboación galega, e dos arredores.
Ten impresionantes contrastes, entre grandes pedras e auga, vexetación e auga, xogos de reflexos. Todo un espectáculo para a vista. As pedras semellan xigantes, reis, toman formas diversas, que a xente xoga a descubrir no transcurso dos paseos que se poden facer en catamarán, que é a mellor maneira de apreciar os seus desniveis, de máis de 500 m nalgúns puntos, e con pendentes de máis de 50°, ás veces case verticais.
A experiencia nunca estaría completa se non se mira tamén dende enriba, que amosa un mundo diferente, cunha grandiosidade loable.
Así pois, é un dos lugares máis importantes tanto paisaxisticamente, como vitivinicolamente. Nas ladeiras destes montes, e nos arredores, atópase a D.O. Ribeira Sacra, que tamén forma un espectáculo coas viñas nas abas, chegando ata a auga.
[editar] Espazo natural característico
Pola súa parte, o seu clima experimenta tamén importantes variacións, mostrando a súa condición mediterránea-húmida nas ladeiras de solaina ou atlántica-superhúmida nas partes máis ensombrecidas, como nas súas veigas e bosques ribeiríos.
As ladeiras da marxe dereita énchense orientadas ó mediodía, polo que están en boa parte aproveitadas para o cultivo da vide en socalcos. Os bosques climáticos están maioritariamente compostos de onfalodes (Omphalodes nitida), érbedos (Arbutus unedo), uces brancas (Erica arborea), e piornos (Genista falcata e G. florida polygaliphylla). Abundan tamén árbores tipicamente ripícolas e propias deste clima como os bidueiro (Betula pubescens), os castiñeiros (Castanea sativa) e as abeleiras (Coryllus avellana).
As especies piscícolas das augas do Sil son predominantemente tres: a troita (Salmo trutta fario), o escalo (Chondostroma polylepsis) e o picón (Gasterosteus aculeatus). Existe tamén en canto á fauna unha amplísima variedade de réptiles e anfibios, destacando a ra patilonga (Rana iberica), a píntega (Salamandra salamandra), a cobra de colar (Natrix natrix) e a lagarta brava (Psammodronus algirus). O número e a variedade de aves é aínda máis interesante, sobresaíndo algunhas coma o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), ou numerosas aves de rapina como a aguia caudal (Hieraetus pennatus), a aguia branca (Circaetus gallicus), o miñato abelleiro (Pernis apivorus) ou o falcón peregrino (Falco peregrinus). Así mesmo, hai que dicir que se encontran na zona tódalas variedades de papuxa (Sylvia) existentes na Galiza.
Mamíferos como o morcego de orellas partidas (Myotis emarginatus), xineta (Genetta genetta) ou o gato montés (Felis silvestris) constitúen pola súa parte un importante aliciente para a conservación e visita desta magnífica contorna natural.
[editar] Un espazo natural único
A particular orografía deste espazo natural de máis de 16.000 has. resulta do forte desnivel entre as augas do Sil nos Peares (109m.) e a altura máxima da Pena do Xastre (1.014m.). En canto a súa xeoloxía, o Canón do Sil ten unha orixe meramente tectónica e non fluvial. No cuaternario, ó comenzar o basculamento da peniplanicie, producíronse fracturas que quebraron o terreo en bloques xigantescos, formando así o cauce polo que flúe o río Sil.
A estas características hai que engadirlle a transformación da paisaxe levada a cabo pola man do home mediante o cultivo da vide en socalcos e a construción de grandes encoros como o de Santo Estevo ou San Pedro. Desta maneira, o mosaico natural e paisaxístico que resulta desta serie de singulares características é único e irrepetible en toda Galiza.
[editar] Un número case ilimitado de rutas naturais
O número de posibles itinerarios é enormemente amplo, se non case ilimitado. Dende Os Peares recoméndase percorre-la marxe esquerda do Sil, desviándose para toma-lo chamado Camiño da Barca, que leva por medio de densos bosques de castiñeiros cara o mosteiro de Santo Estevo. Unha vez alí, é un momento ideal para encontrar os seus muíños e baixar dende o mosteiro ata a marxe do Sil onde estaba o antigo embarcadeiro que o comunicaba con outros mosteiros da 'Rivoyra Sacrata'. Outra posibilidade é ir de Santo Estevo a Paradela, volvendo por Cerdeiriñas, polo camiño coñecido como "carreiro da amargura".
O itinerario máis completo (22 km.) é o que une pola ribeira esquerda do Sil os mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina. Este trazado unía antigamente Santo Estevo con Astorga e foi durante a Idade Media a principal liña de comunicación fluvial entre os mosteiros da "Rivoyra Sacrata", hoxe realizada polo catamarán. Este percorrido pasa por excelentes miradores naturais sobre o maxestuoso Canón do Sil, tales como os de Alberguería, Cerreda, Vilouxe e O Coutiño, ata chegar á pequena península cuberta de castiñeiros onde se encontra o mosteiro de Santa Cristina.