Camposancos, A Guarda
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Santa Isabel de Camposancos é unha parroquia que se localiza no concello do Guarda. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 987 habitantes (512 mulleres e 475 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 913 habitantes. Está situada á beira do río Miño, case na súa desembocadura no océano Atlántico.
[editar] Historia
Etimoloxicamente, o topónimo Camposancos é de orixe latina e equivale a "Campos en angulo".
Sábese que no lugar existiu un mosteiro templario do que non quedan restos a non ser as columnas aparecidas nunhas reformas. Camposancos erixiuse en parroquia independente en 1798. Antes de 1870, pertencía a Salcidos e este ó mosteiro de Oia. A igrexa parroquial de Santa Isabel comezou a construírse en 1816 e non se rematou ata 1856.
Separado do antigo Concello da Guarda, o couto medieval de Camposancos que pertencía como anexo o partido xurisdicional de Barrantes, provincia de Tui, non se volve a integrar ata 1838 no territorio municipal da Guarda ata.
Camposancos ten o título de Entidade Local Menor desde 1870, o que lle permitiu ter o seu propio tenente de alcalde e un edificio oficial. Para levar a cabo calquera actuación en Camposancos, o concello da Guarda debía por lei informar á entidade local de tal actuación aínda que esta non tivese o poder de cancelala. A metade dos impostos que recadaba a localidade pasaban ou polo menos así debería ser á Entidade Local.
Camposancos é coñecido polo Colexio dos Padres Xesuítas fundado en 1876 a escasos dous quilómetros da Guarda. Por primeira vez en España, os xesuítas intentaban instituír unha universidade privada, que finalmente só estaría en activo durante 5 anos. O colexio chegou a contar cun prestixio enorme ata o punto que del xurdirían dúas notables institucións como a Universidade de Deusto e a Universidade Pontificia de Comillas. Entre os alumnos avantaxados que saíron do colexio está o político pontevedrés Portela Valladares, que chegaría a ser ministro e presidente do goberno coa República. De 1916 a 1932 foi ocupado polos seus irmáns de relixión portugueses pero baixo o mandato da República, a orde dos xesuítas foi expulsada e o centro pasou a ser un sanatorio.
O recinto do Colexio dos Xesuítas convertido en hospital foi tristemente famoso por albergar durante a Guerra Civil Española o [[campo de concentración de Camposancos]]. Habilitado como centro de reclusión a finais de 1937, chegou a estar ocupado en 1938 por 1066 reos cando a capacidade -segundo informe oficial do réxime franquista- era de 868 presos. As fontes diverxen en torno a poboación reclusa que pasou por el pero oscila entre os 2000 e os 3000 presos.
En 1943 volveu ser un centro de ensino dos xesuítas, aínda que non retornou ó esplendor doutrora e pechou as súas aulas en 1959.
Dada a súa privilexiada posición na foz do Miño, na actualidade existe un proxecto dunha construtora para converter o edificio nun complexo turístico de luxo.
[editar] Presente
A Comunidade de Montes Veciñais de Camposancos celebra desde hai anos unha festa gastronómica na que se enxalza a paleta e o lacón: a paletada-laconada de San Amaro.
A II Xuntanza de Palilleiras de Galicia celebrouse, nos salóns da Asociación “Os Amigos” de Camposancos, o 25 de xullo de 2006 a coa participación de 65 afeccionadas á arte do encaixe de bolillos.
[editar] Ligazóns externas
- Historia detallada de Antonio García Lago
- Nota sobre o campo de concentración
- Memorial de Camposancos, un documental de José Ballesta de Diego
- Reseña da II Xuntanza de Palilleiras
- Festa gastronómica dos comuneiros de Camposancos
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Guarda | |
---|---|
Camposancos (Santa Isabel) | A Guarda (Santa María) | Salcidos (San Lourenzo) |